21/05/2010

O espírito gañador de Vista Alegre, a proba ante o impoñente Puertollano

O espírito gañador de Vista Alegre, a proba ante o impoñente Puertollano

O espírito gañador do Burela FS e a ovación infinita de Vista Alegre poranse a proba mañá ante o impoñente Puertollano FS Restaurante Dacho, a partir das 18.30 horas, no primeiro encontro da segunda eliminatoria de play off a Honra.


O duelo entre galegos e castelano-manchegos preséntase como unha gran final. Para os pupilos de Suso Rey a vitoria na bomboneira resulta determinante; partir con vantaxe dende Galicia sería un duro golpe para un rival que arriba á Mariña co cartel de favorito moi asumido, non só porque ten por diante dous partidos na casa senón porque desprega un cadro configurado, a golpe de talonario, precisamente para estar en Honra.


A traxectoria ligueira foi parella para ambos. Burelaos e puertollanenses remataron a competición na segunda praza e conseguiron o seu pase á segunda rolda de ascenso sen recorrer ao terceiro partido (Burela-Eivissa con 4-5 e 3-2 e Puertollano-Andorra con 2-4 e 3-0). No primeiro envite, as quinielas cumpríronse sen sorpresas, pero desta vez as cousas estarán máis rifadas. Gran parte da fortaleza do Burela FS reside en Vista Alegre e precisamente no seu feudo é onde os laranxas son capaces de todo; o flamante Puertollano, repleto de figuras con ampla experiencia en Honra, vaino ter moi complicado ante esa mestura de experiencia e xuventude abandeirada por Suso Rey que tan bos resultados recolleu ao longo da tempada.


A festa para a peña A Pataca Naranxa, e para todas as persoas que queiran achegarse ata as proximidades da escola infantil da vila, arrincará ás 15.00 horas, na ‘Carpa do Ascenso Pataca Naranxa’ cunha gran verbena que se prolongará ata o toque de diana para a cita de Vista Alegre.


Valencia-Manacor. Media hora antes do asubío inicial da bomboneira, ás 18.00 horas, dará comezo o outro encontro de play off da segunda eliminatoria, no pavillón da Universidade Politécnica de Valencia.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.