22/05/2010

Punto e vantaxe para o Burela na 2º rolda, despois de vencer ao Puertollano (5-2)

Punto e vantaxe para o Burela na 2º rolda, despois de vencer ao Puertollano (5-2)


Vista Alegre volveu ser hoxe unha festa na pista e nas bancadas. O merecido 5-2 fronte ao Puertollano FS Restaurante Dacho, no primeiro encontro da segunda rolda do play off,   avantaxa, numerica e animicamente, aos pupilos de Suso Rey, que contarán con dúas oportunidades en terras castelás para sentenciar a eliminatoria (venres 28, 20.30 horas, e domingo 30, 12.00).


O espírito gañador do Burela FS, arroupado por unha inmensa Marea Laranxa, non se amedrentou ante os grandes nomes do Puertollano; saíu á pista para ser fiel ao seu xogo e obtivo a recompensa. Cuns momentos iniciais moi igualados, os laranxas foron atopando o seu sitio con tentativas recorrentes sobre a meta de Borja (minuto 14), aínda que sen moita fortuna. O Burela FS remontou o 0-1, dun lanzamento de falta de Johnny, grazas a un dobre penalti perfectamente executado por Juanma, a dous minutos para o período de descanso. Pero como o empate non era suficiente, os locais perseveraron na busca da portería puertollanense ata que, de novo, o capitán burelista conseguiu anotar: 2-1 (minuto 20), nun pase de Javi Rodríguez en contraataque.


Tras o descanso, os castelano-manchegos saíron máis enchufados no ataque e os mariñáns tiveron que afanarse na defensa. No entanto, foi Purao quen volveu ratificar a superioridade do Burela FS (minuto 30). O nerviosismo puertollanense por atopar o gol puido mitigarse coa chegada de Párraga á meta burelá, no minuto 32, batendo a Edu cun lanzamento baixo. Pouco lle durou a ledicia ao Puertollano, xa que dous minutos despois Dani Martín anotaba o 4-2, nunha fulgurante escapada que recibiu a ovación de toda a bancada.


A opción para frear esta marea laranxa, o xogo de cinco, con Kikillo como porteiro-xogador. Pero non resultou; os pupilos de Suso Rey, ben aleccionados, defenderon á perfección co baluarte de Edu, que estivo moi oportuno no asedio puertollanense dos últimos minutos. Inmersos en cantos de vitoria, a falta de 35 segundos para o asubío final, Revilla marcou o 5-2 dende o campo laranxa tras un despexe.


 


Ficha técnica


Burela FS: Edu, Purao, Revilla, Juanma e Javi, no cinco inicial; tamén xogaron André, Dani Martín e Christian.


Puertollano FS Restaurante Dacho: Borja, Werner, Johnny, Párraga e Fer; tamén xogaron Kikillo, Isco, Merino, Nano, Eloy, Wiwi e Vigara.


Goles: 0-1, min. 14 Johnny; 1-1, min. 18, Juanma (d.p.); 2-1, min. 20, Juanma; 3-1, min. 30, Purao; 3-2, min. 32, Párraga; 4-2, min. 34, Dani Martín; 5-2, min. 40, Revilla

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.