27/05/2010

A historia debe continuar...

A historia debe continuar...

O Burela FS buscará resolver mañá a segunda eliminatoria de play off ante o Puertollano FS Restaurante Dacho na cancha castelá Antonio Rivilla. O segundo encontro da rolda arrincará ás 20.30 horas.


No primeiro duelo entre mariñáns e puertollanenses, a afección laranxa agradeceu o esforzo e traballo do seu equipo durante toda a tempada cunha loanza breve e concisa, baixo o lema ‘Elixidos para Facer Historia”. O último capítulo desa historia, chea de éxitos, comezou en agosto de 2009 e o Burela FS pelexará por seguila escribindo co pase á terceira eliminatoria esta fin de semana en Puertollano.


O obxectivo céntrase nunha sentenza exprés. Os burelaos loitarán ata a extenuación para aproveitar a vantaxe do 5-2 en Vista Alegre e plantarse na seguinte eliminatoria sen recorrer ao terceiro partido. Para iso, o cadro laranxa apostará polo xogo despregado na casa, evitando a comodidade do rival, fuxindo da agresividade local e sen caer en provocacións. As decisións arbitrais dos primeiros minutos condicionarán a intensidade imposta por ambos os bandos.    


O último adestramento do Burela FS antes da gran cita foi hoxe, ás 18.00, no pavillón puertollanense. Suso Rey poderá contar con todo o vestiario despois da ausencia de Minu, por unha lumbalxia, no anterior duelo.


Para aplacar un pouco as taquicardias, os afeccionados/as laranxas poderán seguir a evolución do marcador a través das redes sociais Twitter e Facebook.


No caso de que a eliminatoria non se decida coa segunda cita, o pavillón Antonio Rivilla acollerá o terceiro e último encontro o domingo, a partir das 12.30 horas.


 


Manacor-Valencia. A segunda cita entre Fisiomedia Manacor e Maristas Valencia disputarase tamén mañá, a partir das 20.30 horas, no pavillón balear Miguel Ángel Nadal. No caso de que os valencianos, con vantaxe polo 6-2 na casa, non se fagan coa vitoria, volverán xogar o sábado, á mesma hora.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.