10/06/2010

Hugo Nava: "En categorías inferiores, debemos primar a formación ante os resultados"

Hugo Nava:

A segunda edición das ‘Xornadas Formativas Burela FS’ clausurou o seu ciclo, na tarde de onte, coa presenza do adestrador do Gijón-El Llano, Hugo Nava, que tamén dirixe a Escola de Fútbol Sala de Siero. O técnico asturiano ofreceu unha charla didáctica sobre a “Iniciación á técnica” no IES Monte Castelo á que asistiron unha trintena de persoas relacionadas co mundo do deporte mariñán.


Hugo Nava realizou unha breve introdución sobre os diferentes aspectos que engloban o rendemento deportivo como “son a técnica, táctica, preparación física, psicoloxía e os condicionantes externos que teñen unha gran incidencia no desenvolvemento do deportista”. A continuación disertou sobre o aspecto específico da técnica diferenciando “a técnica individual e colectiva, e os tipos de exercicios para potenciar ambos  conceptos que poden ser analíticos ou globais”.


Os asistentes realizaron diversos exercicios prácticos para exemplicar cada caso. O adestrador asturiano finalizou a conferencia resaltando “a importancia que se lle debe atribuír á figura do adestrador como condutor de grupos”. Na idea dunha formación contínua o técnico xixonés incidiu en “recalcar o obxectivo da formación ante os resultados cando estamos dirixindo en categorías inferiores”.


Coa intervención do técnico asturiano ponse punto e final a esta edición que o director da Escola laranxa, Alfonso Mera, cualificou de “moi interesante e construtiva en todos os sentidos. É un paso máis na nosa idea de ofrecer unha formación integral. Contar coa presenza de profesionais dos diferentes campos que abarca o deporte permítenos aumentar o coñecemento e formación de cada unha das partes que integran calquera deporte; xogadores/as, alumnos/as, adestradores/as, … Estamos contentos coa asistencia as conferencias, aínda que botamos en falta maior presencia de pais e nais de alumnos/as xa que eles tamén xogan un papel importante na formación educativa-deportiva dos rapaces”.


O CD Burela FS agradece a colaboración e presenza de todos os conferenciantes desta segunda edición: Graciela Lois, psicóloga deportiva do Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS; David Mariña, fisioterapeuta de Damar Centro de Fisioterapia e do CD Burela FS; Alba Vila, nutricionista do Centro de Dietética e Nutrición Alba Vila; Marcelo Santoro, técnico de porteiros do CD Burela FS; Edu e Brais, porteiros do conxunto laranxa e Hugo Nava, adestrador do Gijón-El Llano. Así como, a colaboración da Concellería de Deportes de Burela e do IES Monte Castelo.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.