25/06/2010

Presentación da final de 'Todos polo Fútbol'

Presentación da final de 'Todos polo Fútbol'

O centro burelao da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña acolleu esta mañá a presentación da fase final da IV Copa Galega de Balompé ‘Todos polo Fútbol’, que terá lugar o vindeiro venres 2 de xullo, no pavillón Vista Alegre de Burela. Xunto á presidenta da entidade, Iris Castro, e a coordinadora do centro, Mª. José Nóvoa, o acto contou coa presenza do alcalde burelao, Alfredo Llano; a concelleira de Deportes, Neves Cando; a concelleira de Sanidade, Sonia Fraga; e o directivo do CD Burela FS Marcelino Luna.


Alfredo Llano manifestou a satisfacción da Administración Local por colaborar cun “proxecto ilusionante que promove o deporte en igualdade e no que os seus membros se benefician da actividade física e se divirten” e brindou a axuda municipal para iniciativas futuras. A concelleira de Deportes animou a todos os mariñáns e mariñás a deleitarse con esta cita e desexoulle ao equipo anfitrión, FS A Mariña, “o mellor na fase final, como xa demostrou ao longo de toda a liga regular”.


Pola súa banda, Iris Castro e Mª. José Nóvoa agradeceron o apoio prestado dende o Concello e o CD Burela FS “para facer realidade a Festa do Fútbol Sala para Todos en Burela, nun día no que se reunirán 11 asociacións galegas no Vista Alegre, en total máis de 300 persoas, entre participantes e acompañantes”. Dende a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental tamén expresaron o seu desexo de que “todos os visitantes leven un grato recordo da Mariña”.


Finalmente, Marcelino Luna reiterou “o pracer que constitúe para o CD Burela FS contribuír a esta festa deportiva, na que o maior premio é a ilusión de todos os participantes” e felicitou o persoal do centro burelao polo “grande esforzo asumido para acoller a final do campionato en Burela e pola excelente planificación da cita”.


A fase final de ‘Todos polo Fútbol’, competición impulsada por FEAFES Galicia, tamén contará coa colaboración da Xunta de Galicia, Fundación Deporte Galego, Deputación de Lugo, Fundación Celta de Vigo, Gadis e Coca-Cola.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.