05/08/2010

O CD Burela FS abre a campaña de socios/as 2010-11

O CD Burela FS abre a campaña de socios/as 2010-11

O CD Burela FS abre a súa campaña de socios/as para a tempada 2010-11 baixo o lema ‘Forma Parte da Historia’ porque todos e cada un dos seguidores e seguidoras que ateigan a bancada de Vista Alegre, sábado tras sábado, merecen ocupar un sitio de renome na historia do club e dos seus logros.


Despois dunha emocionante tempada, na que a complicidade entre a afección e os xogadores/as regresou ás súas orixes, o CD Burela FS fai un chamamento a todos os amantes do fútbol sala para que entren a formar parte da súa historia, das tardes de espectáculo na bomboneira, da celebración dos goles, do desenfreo dos play offs e, sobre todo, dese apoio inquebrantable ás cores laranxas que fai da afección burelista unha referencia sen fronteiras.


 


NOVIDADES


A tempada 2010-11 incorpora vantaxes en abonos e prezos para adaptarse ás necesidades dos socios/as burelistas. Dentro das tarifas especiais, o club laranxa crea o Abono 25 (50 euros), destinado a persoas entre os 18 e os 25 anos, e suprime o antigo Abono Universitario. Para os máis novos, mantense o Abono 17 (14-17 anos) por tan só 20 euros para toda a tempada. Tamén se conserva, sen modificacións, o Abono de Xubilado (60 euros). No que respecta ás tarifas convencionais, de idade adulta, o CD Burela FS mantén o Abono Simple (75 euros) e substitúe o antigo Abono Familiar polo Abono Dúo (125 euros), que ofrece a posibilidade de acceder ao pack desconto de 2 carnés, sen existir vínculos familiares entre os socios/as.


Para facilitar a forma de pagamento, tamén haberá cambios. O club fraccionará as tarifas en dúas cotas, excepto o Abono 17, que será de cota única, a comezos de tempada. Co desembolso do 50% do importe, en agosto, os socios/as recibirán un carné para acceder aos encontros de liga do Burela FS, en Prata, e Burela FSF Pescados Rubén, en Honra, durante 2010; co pago do 50% restante, en decembro, a entidade laranxa entregará unha nova credencial, válida para o resto da tempada, correspondente a 2011. 


Na páxina web do CD Burela FS, xa teñen á súa disposición o formulario de socios/as 2010-11, que poden cubrir e enviar por correo electrónico (burelafs@burelafs.org), sen saír do seu domicilio.


Para máis información, acudan ao local social do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado, Burela) ou chamen ao número de teléfono 982 58 18 15.



ENTRADAS


Os prezos das entradas para os non socios serán de 10 (adulto/a) e 3 (xuvenil, 14-17 anos) euros para presenciar os encontros de liga do Burela FS e 5 euros (tan só aldultos/as) para o Burela FSF Pescados Rubén.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.