23/10/2010

O Burela gaña pola mínima a un gris Lanzarote ao que perdoou no primeiro período

O Burela gaña pola mínima a un gris Lanzarote ao que perdoou no primeiro período

O Burela logra a vitoria ante o Lanzarote por 2-1 nun encontro no que os laranxas mereceron un marcador máis cómodo. O conxunto mariñán puxo a directa tras o asubío inicial cunha presión que sorprendeu os insulares que intentaron, baldiamente, reter o impulso local.


Adriá Esteller abriu o marcador no minuto 2 de xogo tras unha asistencia de André que repetiu, no minuto catro, para asistir nesta ocasión a Juanma. Noveno tanto do capitán burelense noutros tantos partidos. Con 2-0 no electrónico, o Burela acentuou o seu dominio e gozou de máis ocasións para sentenciar aínda que, de novo, perdoou en exceso e ao descanso chegouse co 2-0.


Na continuación o guión parecía repetirse xa que o Lanzarote parecía ausente e os locais gozaron dun par de ocasións que desaproveitaron. No minuto 24, un descoido defensivo nun córner propiciou que Zeus metese no partido o Lanzarote. Con 2-1 os canarios aumentaron a súa presión e intensidade e o encontro foi máis aberto e igualado. Murga desperdiciou unha boa ocasión nun lanzamento que repeleu o pau dereito de Edu. O partido entrou nunha fase de imprecisións nas que ningún contendente logrou sacar tallada.


O meta insular Toño tivo que retirarse do xogo por lesión e o burelense Javi Fajardo defendeu con seguridade a meta lanzaroteña ata o final do partido. O único recurso ofensivo dos visitantes era a baza de Beto, anulado perfectamente pola gran actuación de Purao e as boas axudas dos seus compañeiros.


A emoción aumentou en Vista Alegre tras a expulsión de Adriá Esteller, minuto 36, aínda que o Lanzarote só tivo unha oportunidade, desperdiciada, de xogar con superioridade numérica xa que aos poucos segundos Jhony tamén viu a segunda amarela. A pesar de todo, o marcador permaneceu inamovible ata o asubío final e o Burela conquistou tres importantes puntos que o aúpan a cuarta praza da División de Prata. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.