24/10/2010

Un Gironella afortunado pesca un punto en Vista Alegre

Un Gironella afortunado pesca un punto en Vista Alegre

O Burela FSF Pescados Rubén cedeu un empate (4-4) ante o Construcións Queralt Gironella, que contou coa fortuna como aliada no encontro disputado en Vista Alegre.


Desde os primeiros compases o choque ofreceu un dominio variable e con alternativas no marcador. O primeiro en golpear, minuto 5, foi o conxunto catalán por mediación de Anna Bosch, que atopou un balón rexeitado na área para bater a Jozi. A resposta laranxa non se fixo esperar e no minuto seguinte Rosana estableceu a igualada tras un pase de Claudia. Co empate, o Burela comezou a precisar mellor o seu xogo, pero unha acción desafortunada propiciou o 1-2. Tras un disparo de Riera o balón tocou en Lucía e adiantou de novo as catalás.


O resultado ata ese momento era moi xeneroso para un Gironella correcto na súa disposición na cancha e moi afortunado na definición. As burelenses lograron manter a tranquilidade e, de novo, apareceu Rosana para empatar o partido (2-2) cun brillante taconazo ante o que Noelia non puido facer nada. A igualada chegou no ecuador do primeiro período e mantívose ata o descanso a pesar das ocasións por ambas as partes.


No segundo período, o Burela saíu máis enchufado á pista. A melloría local viuse confirmada co 3-2, minuto 27, logrado por Lucía, que culminou unha excelente xogada de Claudia. O encontro comezaba a decantarse do bando local, que empezou a ter maior posesión nas súas accións ofensivas pero o Gironella respondeu nun contragolpe, tras un roubo en media pista ben executado que finalizou Anna Costa.


O empate provocou un ida e volta entre ambos os contendentes, que gozaron de ocasións para desnivelar a balanza. Nesta tesitura sacou vantaxe o Burela. Rosana, autora dun hat-trick, aproveitou perfectamente un balón longo de Jozi para situar o 4-3, a falta de tres minutos para o final. A alegría laranxa durou un suspiro. O Gironella optou por xogar de cinco e na primeira combinación logrou o empate final. O Burela buscou a vitoria con xogo de cinco pero o marcador permaneceu impasible.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.