02/11/2010

O Ribadeo FS desaproveita dúas vantaxes ante o líder pontevedrés (6-3)

O Ribadeo FS desaproveita dúas vantaxes ante o líder pontevedrés (6-3)

O Panificadora del Eo non puido rendibilizar as súas vantaxes ante o líder pontevedrés. O equipo ribadense fíxolle forzar a máquina ao potente Leis Pontevedra, que con pleno de vitorias encabeza Autonómica femenina e, como tal, sentenciou o encontro (6-3).


A xornada de descanso do equipo de División de Prata permitíalles ás pontevedresas dispor de varias xogadoras con experiencia en categoría superior, que vían transcorrer o tempo e perigar os tres puntos ao non poder perforar a ordenada defensa ribadense. A falta de tres minutos para o descanso, as locais iniciaban o ataque con porteira-xogadora, motivo polo que se viron sorprendidas sorprendidas co 0-1 no minuto 19, cun bonito gol conseguido pola porteira ribadense Vanessa desde a súa meta.


Na continuación, e ata o final do encontro, as locais mantiveron o ataque de cinco; así, o empate chegou no minuto 30 por mediación de Sandra. Poucos segundos máis tarde Iria materializaba no segundo pau o 1-2 para as ribadenses. Logo foi Bego no minuto 32 quen igualou de novo o marcador. A partir de aquí o Panificadora dispuxo de novas ocasións para adiantarse; estirou as súas liñas debilitando así a súa boa defensa, momentos que aproveitaron as xogadoras do Leis para irse ata o 6 a 2 no marcador con goles de Andrea Curra, Gema, Andrea Ferrón e Carmen. A ribadense Elvira conseguiu o 6-3 definitvo, dun potente tiro á saída da porteira.


Próxima xornada. O Concello de Mos FSF visitará Ribadeo o vindeiro sábado, ás 19.00 horas.


Ficha técnica


Leis Pontevedra FS: Irene, Magan, Sandra (1), Bego (1) e Andrea Ferrón (1), cinco inicial; tamén xogaron Gema (1), Andrea Curra (1), Nerea, Yoli, Elena, Natalia e Carmen (1).


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa (1), Eva, Elvira (1), María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria (1), Arancha, Marta e Yoli.


Tarxetas amarelas: Sandra e Bego, polo Leis


Árbitros: Stefan González e Arturo Alvarez (anotador), da delegación de Ourense


 


OUTROS RESULTADOS


En Provincial masculina, o Ribadeo FS, coas ausencias importantes de Ismael e Javi Sarmiento, non puido manter a súa imbatibilidade e caeu a domicilio ante o Navia de Suarna (2-3). Esta derrota relega o equipo ribadense ao quinto posto, empatado a puntos co Becerreá e o Parrillada Puerta Santiago de Lugo. Os mariñáns deberán enfrontarse ao líder, Area 10, no Corgo o vindeiro sábado.


Pola súa banda, o filial ribadense, baixo o nome de Xoula-Ribadeo FS, caeu derrotado na primeira xornada de Provincial feminina ante a visita do potente Concello de Friol (2-4), campión da pasada tempada. O novo equipo ribadense está formado por seis xogadoras de categoría cadete (Antía -porteira-, Silvia, Laura, Elena, Carmen e Tania Penabad) e seis de categoría xuvenil (Tania García -porteira-, Montse, Marta, Elvira, Julia e Eva). No próximo compromiso, o Xoula deberá desprazarse a Outeiro de Rei.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.