09/11/2010

Tropezo do Ribadeo FS ante o Concello de Mos (2-5)

Tropezo do Ribadeo FS ante o Concello de Mos (2-5)

O tropezo do Panificadora del Eo-Ribadeo FS ante o Concello de Mos (2-5) deixa entrever certas dificultades na adaptación das mariñás á súa nova categoría.


O equipo ribadense encaixou o primeiro gol no minuto 1 e no 11 perdía por 0-3, con goles de Buga por partida dobre e de Catarina. Logo dun tempo morto, retornaron as ribadenses á pista coas espadas en alto e parecía que se encarrilaba a volta ao marcador con senllos goles das xuvenís Elvira (13) e Marta (18).


Esta aproximación tan só foi un espellismo; aos dous minutos do inicio da segunda parte, a destacadísima xogadora Buga do Concello de Mos subiu o 2-4 ao marcador, o terceiro gol na súa conta particular. Ata o final intentárono as xogadoras de Martínez con máis corazón que cabeza e aínda que chegaban con perigo á portería visitante, unhas veces os paus e outras polas boas intervencións da porteira evitaron o gol mariñán. Á obsesión por marcar das locais respondían as visitantes con boas contras e así chegou o 2-5 definitivo no minuto 35, de Silvia. Seguiu intentándoo o Ribadeo con porteira-xogadora nos cinco últimos minutos, ante a inmobilidade do marcador.


Próxima xornada. O Panificadora deberá desprazarse a terras ourensás o vindeiro sábado para enfrontarse a un mellorado e motivado O Carballiño, ansioso de conseguir a primeira vitoria.


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Eva, Marta (1), María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela, Arancha, Elvira (1) e Yoli.


Concello de Mos FS: Nerea, Silvia (1), Buga (3), Sara e Andrea, cinco inicial; tamén xogaron Cata (1), Sara, Danaris, Bea e Asun.


Árbitros: Marcos Candia e Luís Menéndez (anotador), da delegación de Lugo


 


Provincial Masculina. O Ribadeo FS deu a cara no Corgo contra o líder ata que, a falta de dous minutos, o colexiado de quenda encargouse de inclinar o partido para os locais ao sinalar dúas penas máximas inexistentes, unha delas fóra da área, cando o marcador reflectía un 2-3 a favor dos ribadenses. O Área 10 Escola Club do Corgo aínda non coñece a derrota e mantén a primeira praza con 18 puntos, mentres que pola súa banda o Ribadeo descende á sexta posición con 10, á espera de recibir o vindeiro sábado (18.30 horas) o Becerreá, segundo con 13.


Provincial Feminina. Tampouco o Xoula puido facerse coa vitoria e caeu no municipal de Outeiro de Rei por 4-2. As mozas ribadenses recibirán o vindeiro domingo o FSF Guitiriz (12.00 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.