26/11/2010

O Burela FSF defende a sexta praza en duelo directo ante o Femesala

O Burela FSF defende a sexta praza en duelo directo ante o Femesala

O Burela FSF Pescados Rubén defenderá mañá a súa actual sexta praza en duelo directo ante o Femesala Elche. A cita de Vista Alegre arrancará, coma de costume, ás 18.30 horas.


O cadro mariñán intentará aproveitar a dinámica positiva e facer valer o factor cancha na undécima xornada, nun encontro moi complicado. O punto que separa as laranxas (17) das valencianas (16) contribuirá cunha dose extra de rivalidade.


Aínda que as sobrecargas de boa parte do vestiario burelista dificultaron os adestramentos, o equipo mariñán intentará finalizar a súa preparación nas mellores condicións cara á cita da bomboneira. As pupilas de Javier Pardeiro medirán as súas forzas cun equipo dos valentes, fiel ao sistema de catro, que destaca pola mobilidade das xogadoras e unha defensa adiantada con moita presión.


O histórico Femesala recalará en Burela coa importante ausencia de Txitxo, por sanción. O bo comezo das valencianas caeu ferido de gravidade nas xornadas sexta e sétima ante os de arriba, os intratables Móstoles e Ponte Ourense, aos que a escuadra de Maravillas Sansano tivo contra as cordas ata o final pero sen poder superalos (0-1 e 6-5). Tras estes resultados, o Elche puido recuperarse feblemente co Rioja (3-1), pero volveron os marcadores en contra; agora mesmo encadea as derrotas  do Zaragoza (8-3) e Valladolid (2-3).



Torneo Mundial Feminino


A meta do Burela FSF Jozi de Oliveira perderá esta xornada polas obrigas coa Selección Brasileira e o I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Madrid, 6-11 decembro).


A xogadora, concentrada dende hoxe co seu combinado na rexión de Fortaleza, asumirá a súa sétima cita coa camisola ‘canarinha’ coma se fora a primeira convocatoria. “Vou coa mesma ilusión que en 2005, aínda que espero ter a tranquilidade da experiencia; neste tempo a selección cambiou moito, pero para min son todas as compañeiras coñecidas, ben do meu anterior equipo, o Kinderman, ben como rivais”. Jozi afronta esta nova chamada cun extra de motivación polas expectativas depositadas na cita internacional: “Este primeiro mundial é un paso moi importante de cara ao Campionato do Mundo oficial da FIFA; os profesionais do fútbol sala esperamos que este tipo de iniciativas creen os cimentos para que algún día se recoñeza como deporte olímpico”.


A gardameta laranxa deixou Burela cunha aposta clara para a final. “Coma a maioría das quinielas, eu aposto por unha final España-Brasil, cun encontro moi igualado onde a diferenza seguramente estea no aspecto psicolóxico. Para nós é un gran reto porque temos o combinado español como referencia”.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.