29/11/2010

O Ribadeo queda co mel nos beizos tras remontar un 2-0

O Ribadeo queda co mel nos beizos tras remontar un 2-0

O Panificadora del Eo quedou ás portas da vitoria; esta vez no pavillón do colexio coruñés Sagrada Familia fronte ao CD Riazor FS (3-2). O partido deixou o mel nos beizos das xogadoras ribadenses logo de igualar un marcador adverso de 2-0.


Ao descanso chegouse con 1-0, gol conseguido polas locais no minuto 16, resultado dunha perda de balón das da Mariña na zona de elaboración.


No primeiro minuto da segunda parte, o Riazor conseguiu o 2-0 ao introducir na portería defendida por Carla un balón sen dono dentro da área, que as ribadenses non puideron despexar. A partir deste momento, o Ribadeo fíxose dominador do partido e chegaba con perigo á portería das coruñesas. Primeiro foi Iria quen puxo o 2-1, no 30, e 2 minutos máis tarde Fátima igualou o luminoso. No 34, nunha xogada desafortunada para as visitantes, un balón rexeitado caeu a pés das locais que materializaron o 3-2 definitivo.


Aínda tivo de novo o Ribadeo a posibilidade de igualar o tenteo na ocasión máis clara do partido ao presentarse tres das xogadoras ribadenses ante a porteira e unha defensora local.


Próxima xornada. O Panificadora deberá sacar o traxe de traballo e polo menos puntuar o vindeiro sábado en Ribadeo (18.00) ante o Bembrive pontevedrés, xa que no enfrontamento entre os dous pechacancelas, unha vitoria do Carballiño sobre o Castrelo, levaría o equipo de Martínez aos postos de descenso.


Ficha técnica


CD Riazor FS: María, Paula (1), Patricia (1), Elena e Alba (1), cinco inicial; tamén xogaron Sara, Branca e Vitoria.


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Elvira, Sabela, María e Fátima (1), cinco inicial; tamén xogaron Marta, Eva, Arancha, Iria (1), Yoli, Sofía e Carla.


Árbitros: Fernández Fiuza e Barros Naveira (anotador), da delegación da Coruña. Expulsaron por dobre amarela a María, do Panificadora, e a Paula, do Riazor.


 


Provincial masculina. Os ribadenses conseguiron unha traballada vitoria ante o Industrial Recense da Pontenova. Este triunfo mete os mariñáns en solitario no segundo posto, a 6 puntos do líder, Área 10, que non puido pasar do empate en Sarria ante o Meigallos, e a 2 por encima do Becerreá que tamén tivo que conformarse co empate en Samos. O Ribadeo xogará o próximo fin de semana en Baralla, un equipo a priori alcanzable para as súas aspiracións.


Provincial feminina. O Xoula-Ribadeo FS venceu amplamente o Donapel Monterroso o pasado sábado (6- 1). As goleadoras Elvira (1), Fátima (2) Elena (1), Eva (1) e Sabela (1), tamén xogaron Antía, Laura, Montse, Silvia, Marta e Carmen. O vindeiro sábado, o equipo desprazarase ao pavillón do Pombal de Lugo para enfrontarse ao FSF Lucense (18.00 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.