02/12/2010

José Venancio: 'O noso obxectivo é gañar o I Torneo Mundial'

José Venancio: 'O noso obxectivo é gañar o I Torneo Mundial'

O I Encontro do Deporte Base na Mariña e o CD Burela FS terán o privilexio de contar o sábado 4 coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López, inmerso na recta final cara ao I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Madrid, 6-11 de decembro).


Na antesala da gran cita internacional, José Venancio espera que o este primeiro mundial sirva de promoción ao deporte, aínda que recoñece “a maior transcendencia do deporte masculino, algo que combateremos con traballo e con resultados, para demostrar o gran crecemento do fútbol sala feminino e así gañar repercusión nos medios de comunicación”. En canto ás características do xogo entre homes e mulleres destaca como esencial “o aspecto físico, o maior ritmo e a intensidade de xogo que imprimen os mozos”, aínda que, “as xogadoras contan con multitude de recursos técnicos cos que suplen posibles distancias no plano físico”.


Con respecto aos primeiros rivais cos que se medirá a selección (Guatemala, Rusia e Xapón) considera que “non debemos preocuparnos polos rivais do grupo en exceso, temos que intentar facer as cousas ben e tratar de xogar ao nivel que estamos afeitos”, aínda que recoñece que “Rusia é, a priori, a selección máis difícil da primeira fase”.


De cara á competición móstrase cauto: “Temos que ir pasiño a pasiño. Gañar os partidos depende das rivais e evidentemente de nós, ademais doutros factores que non se poden controlar”. En termos de repercusión confirma que “temos que vender o noso deporte desde todos os estamentos e intentar provocar a súa difusión nos medios”, por iso anima a que o público se implique co torneo onde se poderán ver “as mellores xogadoras a nivel mundial, onde esperamos que España poida demostrar todo o seu nivel”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.