11/12/2010

Gascó evita a remontada burelense no feudo levantino

Gascó evita a remontada burelense no feudo levantino

O Burela pecha a súa semana activa cun valioso empate (3-3) na pista do Maristas Valencia, aínda que puido alcanzar un maior botín que evitou o meta levantino Gascó. O duelo respondeu ás expectativas iniciais e ambos os conxuntos sacaron a relucir as súas mellores armas. O envite estivo marcado pola intensidade, as alternativas no xogo e marcador, e con emoción ata o final.


Desde o asubío inicial a igualdade e a presión caracterizaron o choque e tras varios avisos, en ambas as porterías, xurdiu a figura de Manu. O canteirán burelense aproveitou no segundo pau un bo pase de Esteller para abrir o marcador no minuto 12 de xogo. O Burela afianzaba, aos poucos, o seu dominio ata que emerxeu a efectividade local. Tamarit logro aproveitar un rexeitamento para igualar a contenda, minuto 15, e un minuto despois Juanjo marcaba o 2-1. O Burela conseguiu minimizar as acometidas do Maristas aínda que Márquez logrou afianzar a remontada local, tras aproveitar un novo rexeitamento e establecer o 3-1 a escasos segundos do descanso.


Na continuación, o equipo burelense saltou con determinación e ambición á pista mentres o Maristas buscaba un contragolpe definitivo. Os pupilos de Suso Rey lograron acosar a meta valenciana e as ocasións de gol sucedíanse pero Gascó defendeu con acerto a vantaxe do seu equipo. Edu, nun par de ocasións, tamén evitou que o Valencia se escapase.


No minuto 28 de xogo chegou o 3-2 logrado por Christian que inxectou esperanza aos mariñáns. O terzo final do encontro mostraba dúas caras totalmente opostas. Os valencianos mostraban sensación de cansazo e conservadorismo mentres que o Burela chegou ao sprint final con maior frescura e utilizando o porteiro xogador.


Tras varias ocasións desbaratadas por Gascó, Víctor Cachón protagonizou o empate galego cun disparo seco e raso. Restaban escasamente dous minutos e o Burela tivo moi preto o triunfo final por mediación de Juanma e Víctor pero, de novo, o meta local emerxeu como protagonista do encontro para resolver o duelo con repartición de puntos. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.