29/12/2010

O III Trofeo Raíñas Meigas acollerá o duelo galego Poio FS-Burela FSF (4 xaneiro)

O III Trofeo Raíñas Meigas acollerá o duelo galego Poio FS-Burela FSF (4 xaneiro)

Vista Alegre inaugurará 2011 co III Trofeo Raíñas Meigas, o 4 de xaneiro, e o duelo galego entre o Poio FS, da División de Prata, e o Burela FSF Pescados Rubén, bicampión do título. O salón de plenos do consistorio burelao acolleu esta mañá a presentación do certame coa presenza de Antonio Veiga, responsable de Deportes da Deputación de Lugo, e Neves Cando, concelleira de Deportes de Burela, ademais de José Ramón González Casas e José Luis Sáez, presidente e director xeral do club, respectivamente.


Baixo a organización da entidade laranxa, co apoio das áreas de Deportes da Deputación de Lugo e o Concello de Burela e a colaboración do xornal El Progreso, a principal novidade desta terceira edición centrarase na participación das categorías inferiores. Así, como antesala do encontro entre pontevedresas e luguesas, previsto para as 20.00 horas, o novel ED EON Burela FS Infantil Feminino medirase á base do cadro visitante (18.30). A entrada será gratuíta.


Antonio Veiga gabou o labor do club burelista e felicitouno pola “implicación na consolidación do fútbol sala feminino e polo seu dinamismo, xa que nunca deixa de sorprendernos coas súas iniciativas; por iso ten máis que merecido todo o noso apoio”. Neves Cando destacou a incorporación das categorías de  base ao trofeo como un gran paso no impulso do fútbol sala feminino na comarca e animou o CD Burela FS a continuar cun “trofeo que xa se converteu en todo un referente do Nadal”.  Por último, José Ramón González Casas e José Luis Sáez agradeceron o esforzo continuado das institucións e convidaron a todos os afeccionados/as a gozar da gran cita.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.