07/01/2011

Os pupilos de Suso Rey clausuran a primeira volta en Brihuega

Os pupilos de Suso Rey clausuran a primeira volta en Brihuega

Os pupilos de Suso Rey regresan á competición ligueira co comezo de 2011 en terras castelano-manchegas. Ata Guadalajara viaxou o Burela FS para clausurar mañá a primeira volta ante o Azulejos y Pavimentos Brihuega, décimo terceiro. O pavillón municipal Virgen de la Peña acollerá o encontro a partir das 19.00 horas.


Aínda que entre brihuegos e burelaos hai unha diferenza de 12 puntos, os da Mariña non deben subestimar o rival, moi forte na casa e ao que se lle dan moi ben os de arriba. Ata o momento, o cadro manchego só deixou escapar os puntos da súa pista nunha ocasión, ante o UPV Maristas Valencia (0-2); isto ocorreu na segunda xornada. Ademais, o Brihuega tampouco se deixa apoucar polos candidatos de play off; nas tres últimas xornadas puido empatar cos co-líderes (Ribera Navarra 3-3 e Puertollano 2-2) e co oitavo (Arcebansa Zamora 2-2) e antes soubo impoñerse ao sétimo (UCAM Murcia 8-5) e igualar ao terceiro (Colegios Arenas Gáldar 3-3).


Os efectivos laranxas veranse minguados para esta cita polas lesións. Á coñecida baixa de Minu, con molestias musculares, súmase a do xuvenil Manu, cunha contractura na coxa. Purao será dúbida ata última hora por un traumatismo de peroné, con posible fisura, sufrido no adestramento do mércores. Para Paleta, novo xogador do CD Rececende-Superti A Pontenova, este será o seu último encontro coa camiseta laranxa.


Coa táboa ben candente, a escuadra laranxa non pode relaxarse. A tres puntos písalle os talóns o Murcia, que recibe ao Extremadura Cáceres 2016 (décimo sexto). Por diante, o BP Andorra ocupa a quinta praza, a dous puntos dos burelistas, coa visita do Zamora (oitavo); e o Valencia ostenta a cuarta, coa próxima chegada do Barcelona (undécimo).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.