13/01/2011

Burela acollerá o I Encontro do Deporte Base na Mariña, con José Venancio, o sábado 22

Burela acollerá o I Encontro do Deporte Base na Mariña, con José Venancio, o sábado 22

O I Encontro do Deporte Base na Mariña, que contará coa inestimable presenza do seleccionador nacional, José Venancio, baixo a organización do CD Burela FS, terá lugar finalmente o sábado 22 de xaneiro. A cita, prevista para o 4 decembro de 2010, foi aprazada pola folga encuberta de controladores e o peche do espazo aéreo, que impediron o desprazamento do técnico dende o aeroporto madrileño de Barajas.


José Venancio abrirá a xornada cun relatorio centrado na actualidade do fútbol sala e a estrutura dos clubs dende a base, programado para as 10.30 horas, no hotel Nordés de Burela. A intervención do seleccionador dará paso a unha charla coloquio con diferentes adestradores/as de primeiro nivel. Ás 11.45 horas, o club laranxa distinguirá a José Venancio co seu galardón máis prezado, a Insignia de Ouro e Brillantes, polo seu loable labor en favor do fútbol sala. Xunto ao alumnado da ED EON Burela FS, o técnico analizará o xogo e a toma de decisións individual e colectiva nunha sesión práctica, no pavillón Vista Alegre, a partir das 12.45 horas.


Xa pola tarde, o seleccionador protagonizará unha sinatura de autógrafos no pavillón e será nomeado Socio de Honra do club mariñán, antes do partido de Prata que medirá o Burela FS co UMA Antequera (17.00 horas). A primeira edición do encontro de base finalizará coa cita de Honra Burela FSF-UCAM Murcia (20.00 horas).


Dúas décadas á fronte dos bancos afianzan a traxectoria de José Venancio (Bilbao, 1964), dende o Europcar Leioa, Bilbo, Castro Urdiales e Caja Segovia ata a Selección de Guatemala, o Autos Lobelle de Santiago e a Selección Española, cargo no que debutou como primeiro adestrador o 20 de outubro de 2007. Unido ao último triunfo do Grand Prix do Brasil, José Venancio pode congratularse de ostentar no seu palmarés máis recente o título de campión de Europa no Porto 2007 e Debrecen 2010, ademais de ser subcampión do Mundo no Brasil 2008.


Ata o momento tan só outra personalidade está en posesión da Insignia de Ouro e Brillantes laranxa, Javier Lozano. O actual presidente da LNFS e ex-seleccionador nacional recibiu a devandita distinción o 6 de xuño de 2009 como recoñecemento á súa contribución neste deporte e na ensinanza de base.


O CD Burela FS xa tivo a oportunidade de deleitarse coa sabedoría de ambos os profesionais no Campus Internacional Mixto, coa visita de Javier Lozano en 2007 e José Venancio en 2009. A afección mariñá tamén puido gozar co xogo da selección española baixo a batuta de Venancio  ante Romanía (outubro de 2007) e Uruguai (febreiro de 2008).

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.