05/02/2011

Os laranxas gañan (7-2) nun partido intenso e vibrante ante Andorra

Os laranxas gañan (7-2) nun partido intenso e vibrante ante Andorra

Empezou ben o Burela FS con gol de Minu, no minuto 5, e pouco cabía presaxiar a pelexa que se desatou no remate do primeiro tempo logo do segundo do andaluz (2-0. Minuto 10). Pero os partidos de fútbol sala (e máis cando se xogan en Vista Alegre) teñen iso, que cando menos o esperas vólvense emocionantes e saltan chispas na pista, e fóra dela.


Ía o partido por sendas calmas cando o equipo rival lembrou que sen intensidade non ía sacar un triste puntiño do feudo burelao e empezou a repartir, coa intervención caótica dos árbitros e o conseguinte cabreo de Suso Rey, que case come a un deles cando encaraban xa a caseta. O gol de Aramburu (2-1. Minuto 17) intranquilizara os locais e de paso dáballes alas aos de Andorra.


Coa segunda parte seguiu a intensidade visitante, que tivo resposta inmediata grazas en parte ao esperanzador debut das novas incorporacións: Clebinho e Ique. Os brasileiros deixaron evidencias de que lles falta tempo para integrarse plenamente do conxunto, pero fixeron un grande encontro. O peche marcou un gol brillante no minuto 23 e Ique loitou con insistencia coa defensa rival e tivo un bo balance defensivo.


Pero se houbo un xogador que estivo estratosférico esta tarde foi Christian. Anotou  un tanto importantísimo de falta directa, cando o partido transitaba pola corda frouxa e había certa incerteza na bancada (4-2. Minuto 28), e volveu marcar os tantos decisivos nos minutos finais (6-2 e 7-2, no minuto 34), co Andorra asediando a meta laranxa con porteiro-xogador. Antes, fixo Esteller a cabalgada do século pola banda e empalmou un remate espectacular que aínda está a buscar o meta visitante.


Gran triunfo do CD Burela FS ante un rival directo, que podía complicarlle a vida de xeito preocupante e non obstante saíu de Vista Alegre goleado. Así é o fútbol sala e máis cando se xoga na bomboneira.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.