13/02/2011

O Diamante vence en Vista Alegre e corta a excelente etapa burelá

O Diamante vence en Vista Alegre e corta a excelente etapa burelá

O Diamante-La Rioja puxo fin á excelente etapa do Burela FSF Pescados Rubén tras imporse en Vista Alegre por 1-2. O conxunto burelense non coñecía a derrota desde o seu enfrontamento na pista do Valladolid, quinta xornada da División de Honra. O cadro rioxano presentouse no feudo laranxa coa intención de reafirmar a súa progresión na competición e certificou o seu bo estado de forma, cuarta vitoria consecutiva, realizando un bo partido ante un Burela descoñecido. O conxunto dirixido por Javier Pardeiro ofreceu un nivel moi afastado do habitual, aínda que nunca lle perdeu a cara ao encontro. Desde o inicio do choque o Burela mostrou sinais de imprecisión no seu xogo mentres que o Diamante se mostrou seguro sobre a pista. A pesar diso, o Burela adiantouse no marcador cun gol de Rosana, que reapareceu tras tres xornadas lesionada, a pase de Lucía. O 1-0, minuto sete, apenas tranquilizou o conxunto laranxa. Pola contra, as rioxanas persistiron no seu xogo e fóronse apropiando do control, aínda que sen excesivas ocasións. A máis clara chegou no último minuto de xogo. Tras un córner favorable para o Burela, as rioxanas sacaron a relucir o seu rápido contragolpe e Peque case logra a igualada, evitada por unha boa intervención de Jozi. Ao descanso chegouse co 1-0 que foi o máis positivo para o Burela tras o visto na pista.


Na continuación acentuouse o dominio visitante, que obrigou a repregarse ás burelenses. O balance de ocasións unicamente contabilizaba por parte rioxana mentres que o Burela tiña como aval a Jozi, que evitou o empate en varias oportunidades. Pero no minuto 34 o presaxio cumpriuse. Cris culminou outro contragolpe visitante para establecer o 1-1. A continuación Pardeiro apostou polo xogo de cinco que resultou infrutuoso e case no último suspiro Maite aproveitou unha concesión laranxa para certificar a vitoria do Diamante por 1-2.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.