13/02/2011

O Burela empata en Ceuta nun choque marcado pola arbitraxe e o infortunio no remate

O Burela empata en Ceuta nun choque marcado pola arbitraxe e o infortunio no remate

O Burela FS saldou a súa visita a Ceuta cun empate a tres tantos nun partido que estivo marcado pola actuación dos colexiados e o infortunio laranxa na definición. Ata cinco veces estrelaron o balón nos paus. O dúo arbitral, desde o inicio do choque, presentou a súa candidatura á peor actuación da película; Unión Africa Ceutí-CD Burela FS. Arrasaron nos nomeamentos e finalmente levaron o Goya. Doce cartóns amosaron; cinco por bando ceutí e sete para os burelenses. Un xogador expulsado por equipo e tamén o técnico burelense, Suso Rey. Imposible xogar un partido coa actitude mostrada polo dúo arbitral.


O encontro comezou con grande intensidade por ambos os conxuntos que buscaron a meta rival con afán e non temían o intercambio de golpes. O desatino na definición impedía que o marcador se movese. Aos sete minutos de xogo, o Burela xa non puido manter a súa intensidade posto que o seu cupo de faltas estaba no tope. Os de Suso Rey adaptáronse ás circunstancias e lograron sorprender o Ceuta cun gol de Víctor Cachón, minuto doce, ao aproveitar unha asistencia de Cristian ao segundo pau. O 0-1 durou un suspiro xa que Jacobo estableceu o empate ao transformar un dobre penalti no minuto trece. Ao segundo intento logrou bater a Edu, que detivera outro dobre penalti instantes antes, e outro máis tarde. O ritmo do choque era frenético e o Burela creaba as mellores ocasións pero non lograba definir. No minuto 19 chegou a polémica expulsión de Ique que puxo a proba o tempero dos mariñáns. O Burela logrou manter a igualada ao descanso a pesar da inferioridade numérica.


Na continuación o Ceuta tampouco aproveitou o minuto e medio de superioridade. No minuto 21, os colexiados expulsaron a Chamo e o Burela si aproveitou a circunstancia para situar o 1-2, minuto 23. Víctor Cachón fixo dobrete cun zurdazo pola escuadra que Cárdenas aínda está buscando. Parecía transcorrer ben o choque para o Burela pero o Ceuta logrou remontar cun gol de Coca, minuto 29, tras un saque de esquina; e cun afortunado gol de cabeza de Salvi no 34. A reacción laranxa foi apostar polo xogo de cinco que tivo o seu premio nos instantes finais por mediación de Purao, que con forte disparo selou o empate final.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.