14/02/2011

O Tobarra chega a Burela pechando a clasificación (martes 15, 21.00)

O Tobarra chega a Burela pechando a clasificación (martes 15, 21.00)

Sen tempo apenas para repoñerse do periplo ceutí, os pupilos de Suso Rey encararán mañá a segunda de tres citas nunha semana. En fronte terán o Restaurante Frontera Tobarra, que chega a Vista Alegre (21.00 horas) pechando a clasificación de Prata, con 14 puntos.


Ao Burela FS tocaralle defender a sexta praza (39 puntos) ante un conxunto que só puntuou fóra da casa na xornada inaugural da tempada, en Eivissa (2-4). Aínda así, cunha longa etapa de resultados en contra e numerosos altibaixos, o cadro de Juan Carlos Bartual, que vén de reforzarse no mercado invernal co ala Sergio Martínez e o porteiro Augusto Landete, loita por saír da zona conflitiva; dende comezos de 2011 puido gañarlle ao Lanzarote (6-5) e empatar co Space Gasifred (3-3).


A priori o rival dos laranxas pode resultar o máis doado de toda a metade baixa de play off. O quinto, BP Andorra (39), visita o terceiro, UPV Maristas Valencia, e o sétimo, ElPozo Ciudad de Murcia (38), viaxa á pista do segundo, OPDE Ribera Navarra. Por último, o oitavo, Arcebansa Zamora (37), recibe o undécimo, Space.


Juanma, que se reincorporou esta tarde aos adestramento do equipo, aínda non poderá participar nesta cita. Suso Rey non dirixirá o cadro; o técnico laranxa cumprirá o primeiro de tres partidos da sanción imposta polo CNFS "por protestar unha decisión arbitral" no encontro ante o Unión África Ceutí. 


Próxima xornada. ElPozo agarda os burelistas, en duelo directo, no último encontro dunha semana moi atarefada. Será no Palacio dos Deportes murciano, o sábado a partir das 17.00 horas.  

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.