16/02/2011

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e o CD Burela FS renovan a súa colaboración

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e o CD Burela FS renovan a súa colaboración

O CD Burela FS vén de renovar o seu convenio de colaboración coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. O directivo do club Marcelino Luna recibiu onte a Iris Castro, presidenta do colectivo, e a María José Nóvoa, coordinadora do centro, nas oficinas do club para reafirmar a continuidade deste proxecto conxunto.


Na xuntanza, Iris Castro agradeceulle ao club o apoio prestado, tanto técnica coma humanamente, en todas as iniciativas deportivas da asociación “nas que os nosos rapaces/as depositan toda a súa ilusión”. Marcelino Luna, pola súa banda, manifestou “o pracer que constitúe para o CD Burela FS contribuír ao loable labor de desenvolvemento persoal e integración social da asociación” e reiterou a vontade da entidade laranxa “por continuar axudando no grande esforzo asumido polo colectivo para promover a práctica deportiva”.


No marco de actuación do convenio, os membros da asociación contan, dende o comezo da tempada, con pases especiais gratuítos para presenciar os encontros dos primeiros equipos laranxas, en Prata e Honra. Ademais, os xogadores e xogadoras realizan visitas e participan en xornadas de convivencia cos integrantes de Axuda ao Enfermo Mental. Dende a entidade tamén se apoia a causa do colectivo coa doazón de material deportivo.


A asociación da Mariña leva máis dunha década loitando pola rehabilitación psicosocial e laboral das persoas afectadas por enfermidades mentais, con sede en Burela e Ribadeo. Dende 2008 dispón dun equipo de fútbol sala, A Mariña FS, que compite baixo as ordes de Manuel Boullosa no campionato galego ‘Todos polo Fútbol’, organizado pola Federación Galega de Asociacións de Enfermos Mentais. En xullo de 2010, o conxunto mariñán tivo a honra de acoller en Burela a exitosa fase final desta cita autonómica, un proxecto no que colaborou o CD Burela FS e que reuniu máis de 150 participantes no pavillón Vista Alegre, pertencentes a 11 asociacións galegas. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.