17/02/2011

O Burela FS visita o CEIP de Cervo a través de 'Coñece o meu Club'

O Burela FS visita o CEIP de Cervo a través de 'Coñece o meu Club'

O CD Burela FS entrou onte nas aulas do CEIP de Cervo a través de “Coñece o meu Club”, actividade integrada no programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte destinada á promoción da práctica deportiva nos centros educativos e a facilitarlles aos escolares o coñecemento dos recursos dispoñibles no seu contorno. Deste xeito, a entidade laranxa dá continuidade a un labor de promoción da base co que xa leva traballando varias tempadas.


O adestrador de porteiros, Marcelo Santoro ‘Neco’, a porteira Jozi, o xogador Víctor Cachón e a xogadora Milena descubríronlles aos alumnos de quinto e sexto de Primaria moitos dos encantos do fútbol sala. A visita reuniu 22 rapaces e rapazas, que participaron entusiasmados nunha sesión teórico-práctica na que tiveron a oportunidade de achegarse a fundamentos básicos de control, pase e finalización de balón, ademais dalgunhas nocións no caneo.


O club convidará o alumnado cervense, xunto a seus pais, ao encontro do Burela FS-Space Gasifred Ciutat d’Eivissa, en Vista Alegre; será o sábado 12 de marzo (18.30 horas).


 


Próximas visitas. O fútbol sala está espertando un grande interese nos centros educativos da Mariña. O vindeiro luns representantes laranxas visitarán o CEIP Número 1 de Foz, o xoves 3 marzo compartirán a xornada co alumnado do CEIP Nois e o venres 11 volverán a Cervo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.