14/03/2011

O Ribadeo regresou cun punto de ouro (4-4) da visita a Mos

O Ribadeo regresou cun punto de ouro (4-4) da visita a Mos

Parece que ao equipo ribadense lle van máis os conxuntos potentes. O sábado confirmouno en Mos, cun punto de ouro (4-4) ante o quinto clasificado.


A cita comezou case unha hora despois do previsto por problemas no Óscar Pereiro da localidade pontevedresa. O escaso tempo de quecemento non desconcertou os equipos contendentes, que saíron a dalo todo na pista desde o inicio. Adiantouse o equipo local no minuto 10 por mediación de Sara Touriño, nun descoido defensivo das ribadenses cando estas defendían en media pista.


Iniciada a segunda metade con 1-0, Marta igualou o marcador no 25 e un minuto máis tarde Cata introduciu un balón rexeitado por unha ribadense, de saque de esquina directo. O Panificadora seguía subindo as súas liñas e creaba numerosas ocasións ata que Dama conseguiu o 3-1, no 30, nunha contra para as locais. O Ribadeo insistía coa súa intención de non permitir respiro ás locais, froito do cal de novo Marta e posteriormente Toñi equilibraron o marcador cando aínda non transcorreran dous minutos. Pouco durou a alegría posto que no minuto 34 Cata adiantou as locais. O Panificadora seguiuno intentando e Martínez puxo na pista a Marta como porteira-xogadora. A falta de 15 segundos, Eva finalizou no segundo pau un pase de Fátima para subir o 4-4 definitivo.


Este punto conseguido en Mos pon o Panificadora a tres puntos do seu inmediato seguidor e realza a motivación de desquite das mariñás para o vindeiro sábado no municipal de Ribadeo, onde se enfrontarán ao Carballiño (18.00 horas), rival directo pola permanencia en Autonómica.


Provincial feminina. O Xoula-Ribadeo FS descansou nesta xornada e desprazarase a Xermade o vindeiro sábado.


Provincial masculina. O Ribadeo FS non puido pasar do empate a dous goles ante o potente líder, Área 10 Escola Club, e continúa na cuarta posición. A próxima xornada o equipo mariñán desprazarase a Becerreá para enfrontarse ao quinto clasificado.


Ficha técnica


Concello de Mos: Nerea, Sara Graña, Silvia, Cata (2) e Sara Touriño (1), cinco inicial; tamén xogaron Vanessa, Beatriz, Dama (1) e Asun.


Panificadora do Eo-Ribadeo FS: Carla, Eva (1), Marta (2), María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Nuria, Silvia, Elvira, Toñi (1) e Vanessa.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.