19/03/2011

A bomboneira frea o asedio do Puertollano (0-0)

A bomboneira frea o asedio do Puertollano (0-0)

O Burela FS e a bomboneira frearon esta tarde o asedio do líder, o CD Puertollano (0-0), nun encontro equilibrado no que os pupilos de Suso Rey estiveron á altura do gran candidato ao ascenso e demostraron ser merecedores dunha praza para o play off 2010-11.


Os metas, Vigara e Edu, foron os grandes protagonistas da cita, desbaratando calquera ocasión por perigosa que fora. As oportunidades máis claras, dende o comezo, foron para os laranxas e de nada lle serviu ao Puertollano o teatro dos piscinazos nin a molesta presenza de Párraga ou Merino debaixo da portería laranxa, á espera dun balón longo e intentando obstaculizar o traballo de Edu. Faltando catro minutos para o asubío do descanso, as cousas puxéronse un pouco feas para os laranxas, que puideron lidar co lastre das cinco faltas con cautela nas súas intervencións.


O segundo asalto comezou con presión laranxa, aínda que as chegadas e os desacertos se foron alternando coa evolución do encontro. A falta de seis minutos volveu o bombardeo mariñán; en menos de 15 segundos, intentárono, e con moito perigo, Esteller na área, Purao de lanzamento exterior e Ique, pero aí estaba o porteiro puertollanense. As tentativas laranxas levantaron o aplauso da bancada en varias ocasións. Nos últimos segundos, o Burela FS aínda tivo oportunidades pero definitivamente este non era o día para ver goles en Vista Alegre.


O punto de hoxe permítelle ao Burela FS afrontar a xornada de descanso conservando a sétima praza con 43 puntos, igualado co Arcebansa Zamora, que empatou na pista do Albacete 2010 (5-5), e a 5 puntos da última praza do play off, no poder do Lanzarote Arrecife 2020 Tías Yaiza, que caeu no derbi insular ante o Colegios Arenas Gáldar (5-4).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.