28/03/2011

O Panificadora gaña en Ames (0-2) e confirma a súa melloría

O Panificadora gaña en Ames (0-2) e confirma a súa melloría

O Panificadora impúxose en Ames ao FC Meigas (0-2), unha vitoria que confirma a súa melloría co paso das xornadas. Nove puntos máis o gol average é a vantaxe que agora ten sobre o Carballiño FS, a falta de cinco encontros para a finalizar a tempada.


As de Ribadeo saíron a resolver o partido desde o inicio e atopáronse cun FC Meigas que daba facilidades en defensa. No minuto 6 a ribadense Marta presentouse soa ante a porteira local Estefanía baténdoa de tiro raso e axustado, tras un roubo na zona media da cancha. Insistía o Panificadora na súa presión na zona alta e facíase con balóns que, unhas veces rexeitados polos paus e noutras polas boas intervencións da porteira local, non permitían ás pupilas de Martínez rematar en poucos minutos un partido que se propuxeron gañar. No minuto 11, nunha falta cometida polo equipo local por cesión á súa porteira, Iria materializou o 0-2.


Na continuación, o Panificadora non desistiu da súa presión e tivo ocasións de aumentar a diferenza, pero de novo o paus e a porteira foron o obstáculo. Só nos últimos segundos do partido, nunha serie de tiros e rexeitamentos, tiveron ocasión as locais de inaugurar a súa conta no marcador.


As ribadenses recibirán o vindeiro sábado (19.15 horas) ao CD Riazor FS, décimo con 28 puntos.


Provincial feminina. O Xoula conseguiu colocarse no terceiro posto ao derrotar ao Donapel Monterroso por 4-5. O vindeiro venres (20.30 horas), enfrontarase en Ribadeo ao FSF A Pastoriza, en partido aprazado.


Provincial masculina. O Ribadeo FS sumou unha nova vitoria (7-3) ante o Taboada FS que lle permite seguir loitando por unha praza en Autonómica a próxima tempada. O equipo mariñán enfrontarase o vindeiro sábado ao Industrial Recense na Pontenova.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Marta (1), Arancha, Toñi e María, cinco inicial; tamén xogaron Sabela, Iria (1), Fátima, Eva e Vanessa.


FC Meigas: Estefanía, Yaiza, Clara, Amanda e Katy, cinco inicial; tamén xogaron Cova, Andrea, Laura, María e Aroa.


Árbitros: José Luis Villarino Barja e Yayo Pájaro Gómez da delegación de Santiago. Mostraron cartóns amarelos á xogadora local Amanda e ao seu adestrador Diego Montero.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.