03/10/2011

Amargo inicio de tempada para o Ribadeo FSF, en Mos (4-1)

Amargo inicio de tempada para o Ribadeo FSF, en Mos (4-1)

O Panificadora del Eo-Ribadeo FSF arrincou a tempada en Autonómica con resultado amargo; as pupilas de Martínez regresaron sen puntos da súa visita a Mos (4-1), un dos equipos punteiros da pasada tempada e que de novo se presenta como un dos candidatos ao título.
O equipo pontevedrés adiantouse no marcador no minuto 3 por mediación da súa mellor xogadora, Vanessa. Despois foi Adriana quen subiu o 2-0, co que chegou descanso.


Aos 4 minutos da segunda metade, Eva conseguiu reducir distancias ao finalizar con acerto unha xogada individual. Todo foi un espellismo, un minuto máis tarde, a súa goleadora Vanessa encargouse de subir o 3-1 ao luminoso. O 4-1 conseguiuno esta mesma xogadora a 8 minutos para o final.


Martínez non puido contar para este encontro coa porteira Carla, por lesión, nin coa capitá María, por asuntos persoais.


Escasos cambios presenta o cadro ribadense que dirixe Martínez en 2011-12, coa baixa de Silvia Rubal, actual xogadora do Burela FS Peixes Rubén, de Primeira División. A única fichaxe confirmada do Panificadora é Ana Iglesias, procedente do Real Tapia CF; está pendente a incorporación de Nuria, por motivos persoais.


Derbi provincial. O outro representante lugués da categoría, o Concello de Guntín, que venceu na primeira xornada ao Poio, visitará o municipal ribadense o vindeiro sábado nun primeiro duelo de rivalidade provincial.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Eva, Arancha, Elvira e Sabela, cinco inicial; tamén xogaron Marta, Iria, Toñi, Fátima e Ana.


O Montiño Concello de Mos: Asun, Sara, Marga, Vanessa e Isa, cinco inicial; tamén xogaron Silvia, Catalina, Adriana, Damaris e Nerea.


Árbitros: Senén Tojo Ferro e Laura de la Iglesia Rey, da delegación de Santiago. Mostraron cartón amarelo á xogadora local Sara.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.