28/10/2011

O emblemático Playas de Castellón recala na bomboneira

O emblemático Playas de Castellón recala na bomboneira

O emblemático e histórico Playas de Castellón, descendido de Primeira esta tempada, recala na bomboneira para protagonizar o duelo da sétima xornada de Segunda en Vista Alegre (sábado 29, 18.30 horas). Unha das incógnitas da cita será o encargado de defender a meta do Burela FS-Pescados Rubén, ante o que Brais o ten moi claro: “Tanto Iago coma min estamos traballando moi duro; creo que calquera dos dous estamos perfectamente capacitados para levar a portería do Burela. Quique ofreceume a súa confianza nos tres últimos encontros e sentinme cómodo e ben na pista; agora só me queda continuar a dar o mellor de min para medrar como xogador e gañar minutos”.


Os castellonenses saltarán á pista burelá como un dos indiscutibles nas quinielas polo ascenso a pesar de que están amosando un inicio un tanto dubitativo que os mantén na cola clasificatoria; en seis xornadas os levantinos teñen no seu poder 4 puntos, froito do empate en Manzanares (3-3) e da vitoria como local ante o Melilla (3-2). “O inicio irregular do Playas está sendo sorprendente, pero creo que tan só será anecdótico porque é un rival moi duro, con experiencia e xogadores veteranos, que rematará claramente nos postos de arriba” asegurou Brais, que identificou “a presión de balón” como a clave para a cita de Vista Alegre: “Deberemos ter especial coidado de tapar as liñas de pase ao pivote, de emprego moi recorrente no rival, e ser moi concienzudos no caso de que opten polo cinco contra catro, estratexia que traballan moi ben”. “Se conseguimos pulir a finalización nas numerosas ocasións de gol que estamos xerando poderemos marcar o ritmo do partido” puntalizou o laranxa.


O meta burelista tamén falou do impulso de regresar á senda da vitoria: “Estamos a un só punto da cuarta praza e o triunfo daríanos o empurrón necesario para seguir na zona media-alta nunha liga que promete ser a máis rifada dos últimos anos”. Sen dúbida os laranxas están mentalizados para realizar un gran partido; a semana de adestramentos programouse para despregar un gran nivel na cita.  “O equipo está unido, con ganas e ilusión; estamos traballando ben para atopar esa regularidade que nos dará a estabilidade necesaria para estar na zona alta; os partidos coa nosa afección son fundamentais neste obxectivo”, precisou Brais.


 


Vestiario. Na evolución de Christian continúan as boas novas; o ala-peche viveirense puido comezar esta semana o traballo de recuperación, con exercicios de ximnasio e carreira en pista.


 


Invitacións. Os hoteis Palacio de Cristal, Nordés e Sargo, en Burela, e O Rincón de Anita, en Foz, agasallarán a súa clientela durante as ceas deste venres con invitacións para gozar co xogo entre burelistas e castellonenses.


 


Copa do Rei. A escuadra mariñá desprazarase ata a provincia coruñesa o vindeiro martes, 1 de novembro, para disputar a segunda eliminatoria da Copa do Rei ante o Noia FS, da Segunda División B; será no pavillón municipal, a partir das 18.30 horas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.