21/11/2011

Mera FS-Burela FS, nos cuartos da Copa Galicia

Mera FS-Burela FS, nos cuartos da Copa Galicia

Tras a importante vitoria en Melilla (0-2) da semana pasada e antes de pensar na súa próxima cita en Vista Alegre, ante o Gasifred Ciutat d’Eivissa, o Burela FS aparta a axenda ligueira para internarse mañá nos cuartos da XXI Copa Galicia ante o Mera FS, da Segunda División B. O pavillón A Rabadeira de Oleiros acollerá o encontro ás 21.00 horas.


A escuadra laranxa medirase ao ex-equipo do meta Iago Barro, un rival que despois de 11 xornadas navega polo ecuador da táboa, con 4 vitorias, 4 empates e 3 derrotas; nas tres últimas xornadas, só puido facerse con 1 punto, ante o Coruxo FC (2-2) na casa.


Para esta cita, o Pescados Rubén contará coa ausencia practicamente asegurada de Juanma, por sobrecarga de aductores, e coas dúbidas de Ique e Clebinho, que arrastran senllas molestias.


Aínda que a diferenza de categoría lle colga o cartel de favorito ao Burela FS, os pupilos de Quique García terán que botar man da máxima concentración para manter afastadas as sorpresas do tipo das que xa foron vítimas nesta cita de cuartos os representantes da Primeira División, firmes candidatos á Copa, fronte a rivais de Terceira; mentres que o Autos Lobelle FS tivo que recorrer aos penaltis para impoñerse ao SD Pazos FS (2-2) o Azkar Lugo caeu eliminado ante o Bembrive (5-3).


O outro representante de semifinais sairá do enfrontamento entre o Club Noia FS e o Cidade de Narón, que terá lugar, tamén mañá, no municipal noiés ás 20.45 horas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.