05/12/2011

CDM Bembrive 4-2 Panificadora del Eo

CDM Bembrive 4-2 Panificadora del Eo

A madrugada, os 300 quilómetros percorridos e case catro horas de viaxe para disputar ao mediodía en Vigo o encontro correspondente á 10ª xornada de Autonómica marcaron as xogadoras ribadenses, que viron como se lles escapaba na segunda metade o partido ante o Bembrive (4-2); as mariñás conservaron un resultado favorable 1-2 ata o minuto 31.


Adiantouse no marcador o Bembrive por mediación de Irene ao recoller un rexeitamento de Antía despois dun potente disparo desde a banda dereita, que Elena non conseguiu tapar. O perigo de gol roldaba ambas as porterías aínda que nos primeiros compases do partido eran as viguesas as que impuñan o seu dominio, que aos poucos foi minguando ata o 1-1 conseguido por Ana nun bonito pase de Elena que deixou a goleadora soa diante da portería local. Así se chegou ao descanso.


Na continuación as de Martínez adiantaron as súas liñas con roubos de balóns con frecuencia na zona de creación das locais; así transcorría o minuto 27 cando de novo Elena, pletórica de calidades, roubou un balón ao seu par e noutro excelente pase á entrada de Ana deixou a esta de novo para marcar a porta baleira.


As ribadenses empezaron a notar o cansazo acumulado pola viaxe e o malgaste físico, o que se traduciu no segundo gol local conseguido por Raquel ao rematar desde dez metros un saque de esquina que Carla non conseguiu desviar. Tres minutos máis tarde, nunha desafortunada xogada para as visitantes, deixou o balón de novo aos pés de Raquel, que marcou a porta baleira.


A falta de 4 minutos para o final, Martínez utilizou a Marta como porteira xogadora e a punto estivo María de conseguir o empate ao estrelar un balón na madeira, pero a fortuna non era a aliada do Panificadora neste partido que viu como Irene roubaba un balón que Elena intentaba sacar xogando e marcaba a porta baleira o definitivo 4-2.


O próximo rival que visitará Ribadeo será o CF Meigas de Santiago, outro dos equipos da zona baixa, accesible para as locais.


Provincial feminina. Xornada de descanso do Xoula que deberá visitar o líder, Friol, na próxima xornada.


Provincial masculina. Importante punto o conseguido polo Ribadeo (3-3) ante o segundo clasificado, AD Riomao-Chamouco FS de Bóveda. Murias desde os 10 metros conseguiu o empate co tempo finalizado.


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Eva, Elvira, María e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Marta, Arancha, Ana, Iria, Tania Penabad, Carla e Toñi.


CDM Bembrive FS: Cristina, Lida, Sara, Irene e Viviana, cinco inicial; tamén xogaron Paula, Lara, Sabela, Raquel, Eva e Ana.


Árbitros: Víctor Manuel Caride Comesaña e Ignacio Fernández Rodríguez, de Vigo. Mostraron cartón amarelo a Sara, polo Bembrive, e dobre amarela a Tania Penabad, polo Panificadora.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.