05/01/2012

Duelo de números e emocións en Xaén para finalizar a primeira volta

Duelo de números e emocións en Xaén para finalizar a primeira volta

A liga de Segunda volve o sábado cun duelo de números e emocións para o Burela FS Pescados Rubén, que estreará 2012 pechando a primeira volta na casa do Fuconsa Jaén (La Salobreja, 18.00 horas).


A rivalidade está servida entre a sexta praza andaluza (21 puntos) e a sétima galega (20), nun encontro no que o pasado se entrecruza. O adestrador laranxa, Quique García, medirase ao que foi o seu equipo durante máis de 15 anos; do bando xienense o ala-pivote Minu (2004-06//2007-11) e o adestrador Dani Rodríguez, vinculado á entidade mariñá na súa etapa de xogador (2006-08), reecontraranse con vellos compañeiros.


“Para nós é un partido importante que afrontamos coa intención de conseguir a vitoria. Non será doado; haberá moitas emocións encontradas. Nacín en Xaén e fun xogador do club durante trece tempadas, ademais de dous anos e medio como adestrador; é unha sensación estraña, pero a miña ilusión pasa por realizar un bo traballo colectivo co Burela FS e conseguir os tres puntos en xogo” explicou o estratega burelista.


Se non aparecen atrancos burocráticos de última hora, as dúas últimas incorporacións laranxas, o ala-pivote brasileiro Bebeto e o ala-peche madrileño Víctor López, xa estarán á disposición de Quique García para esta cita, xunto a Christian, totalmente recuperado da lesión de xeonllo.


Os xienenses tamén apostaron polos reforzos de inverno dende a Primeira División, coa chegada de Lolo Jarque e Emilio Buendía dende o Marfil Santa Coloma. “Tiñan unha boa base de xogadores, ficharon ben a principios de tempada e conseguiron formar un cadro equilibrado, ao que agora tamén chegan caras novas. O aspecto máis importante que vexo é que Dani Rodríguez conseguiu un conxunto que xoga en equipo, iso é fundamental nesta categoría” afirmou Quique García.


O Burela FS terá que plantarse ante un rival forte na súa pista, onde tan só o Gasifred Eivissa foi capaz de impoñerse (2-5), na décimo terceira xornada. Ambas as escuadras perseguirán o revulsivo esta fin de semana, despois de dicirlle adeus a 2011 encadeando tres encontros sen puntuar.


Próxima xornada. O cadro mariñán comezará a segunda volta o 14 de xaneiro lonxe de Vista Alegre, na cancha de ElPozo Ciudad de Murcia (17.30 horas). 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.