19/01/2012

Vista Alegre recibe o segundo clasificado, Andorra, con Marca TV

Vista Alegre recibe o segundo clasificado, Andorra, con Marca TV

O Burela FS Pescados Rubén pelexará por recuperar o camiño da vitoria mañá (venres 20, 21.00 horas), no seu regreso a Vista Alegre, coa visita do segundo clasificado (28 puntos), Hotels Plaza Andorra, ante os focos de Marca TV. A entrada será gratuíta.


A bomboneira disporá da Pista Oficial da Liga Nacional de Fútbol Sala como alfombra de luxo para o que o pichichi laranxa, Dani Martín, considera  “unha oportunidade única na que poderemos amosarlle a toda España do que é capaz o Burela FS, demostraremos que podemos cambiar as cousas; a presenza de Marca TV é para nós un extra de motivación no noso firme obxectivo”.


O Hotels Plaza chega nunha boa etapa, con 4 puntos nas dúas últimas xornadas. No entanto, o xogo a domicilio non é unha das súas principais fortalezas, con 9 puntos de 21 posibles, e terá que poñer a proba o parapeto burelista. “Vai ser un partido moi igualado e duro, que se decidirá por pequenos detalles. Temos que saír concentrados para rematar o encontro igual de esperanzados que estamos agora, fronte a un rival forte e veterano, que xoga moi ben ao pivote”.


O salmantino adiantouse a agradecer o apoio da bancada de Vista Alegre na cita: “A de Burela é unha das mellores afeccións de España, unha afección intelixente, que se mantén sempre fiel, ás duras e ás maduras. Estou seguro de que mañá nos estará apoiando coma dende o primeiro día” dixo Dani Martín.


Á convocatoria de André, Purao, Ique, Juanma, Dani Martín, Christian, Iago Barro, Víctor López, Bebeto e Iago Míguez, únense Brais, recuperado dunha contractura, e o meta Javi Fajardo, do Concello de Trabada FS. Quique García non poderá contar con Clebinho, sancionado con dous partidos de suspensión por “dirixirse a un dos colexiados en termos de desconsideración” a semana pasada en Murcia. Tampouco poderá xogar por amoestación dun encontro Cabinho, o máximo artilleiro dos andorranos, con 14 dianas.


En terras pirenaicas o marcador caeu do lado local, con 6-3.


Festa Laranxa. A base burelista abrirá a Festa Laranxa, antes do asubío inicial, brindando os títulos de campión alevín e subcampión benxamín no recente Trofeo de Reis Cidade da Coruña. Durante o descanso, o público de Vista Alegre tamén poderá gozar dunha exhibición da escola mariñá de ximnasia rítmica Porta Norte.


 


O encontro poderá seguirse en diferido en Marca TV o sábado, a partir das 13.00 horas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.