06/02/2012

Segunda vitoria do Ribadeo, ante As Burgas (3-2)

Segunda vitoria do Ribadeo, ante As Burgas (3-2)

O Panificadora del Eo-Ribadeo FSF, con máis corazón ca cabeza, conseguiu quedar cos puntos na súa segunda vitoria da tempada ante un novo equipo, Cidade das Burgas (3-2), que esta vez non puido contar con xogadoras de Primeira División por coincidir o horario co desprazamento a Pamplona para enfrontarse ao CD Orvina.


Aínda que foi o equipo local o que dispuxo das mellores ocasións, principalmente nos pés de Nuria no un contra un coa porteira visitante e ao saque dunha falta ao bordo da área, as das Burgas inauguraron o marcador por mediación de Shirley ao desviar fóra do alcance de Antía un balón procedente dun saque de banda. O Panificadora non perdeu a compostura e seguiu acosando a porteira visitante; así, Ana igualou o marcador no minuto 17.


Na segunda metade, as ribadenses subiron un pouco máis as súas liñas e as ocasións presentábanse en ambas as porterías, ata que Nuria aproveitou un saque rápido de Antía para bater a porteira ourensá. A punta rubricouna de novo Ana finalizando unha contra de tiro cruzado e pondo o 3-1 no luminoso. Era o gol da tranquilidade para as locais aínda que no último minuto as visitantes conseguiron reducir distancias cun gol pantasma concedido polo colexiado, moi protestado polo público e as locais ao considerar que o balón non traspasara a liña de meta.


O Panificadora visitará o líder, Fisober de Vimianzo, na próxima xornada.


Provincial feminina. Importante vitoria por 2-3 do Xoula en Outeiro de Rei nun partido dominado de principio a fin polas mozas ribadenses ante un bo Outeiro que loitou pola vitoria ata o último segundo. Ao descanso chegouse con 1-2 a favor das visitantes cun par de goles de Iria. Na continuación foi o Xoula o que, de novo por mediación de Sabela, aumentou distancias. O 2-3 chegou nos minutos finais. Este resultado leva as mariñás á segunda posición (30 puntos). Polo Xoula xogaron Ana, Eva, Yoli, Elvira, Sabela, Iria e Antía. A próxima fin de semana visitará Ribadeo o pechacancelas, Sporting Rábade, que só conta cun partido gañado.


Provincial masculina. Segunda vitoria consecutiva do Ribadeo en Samos por 2-7, resultado que afianza os mariñáns na zona media da táboa en espera de que a vindeira fin de semana poidan quedar cos tres puntos ante a visita do Baralla.


Ficha técnica:


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Toñi, Sabela, Elena e Nuria (1), cinco inicial; tamén xogaron Elvira, Eva, Ana (2), Arancha e Iria.


Cidade das Burgas FS: Antía, Nahir, Paula, Zaida e Helena, cinco inicial; tamén xogaron Marta, Laura, Shirley (1) Aldara (1) e Candea.


Árbitros: José Luís Naray Álvarez e Vanesa Fernández Fernández, da delegación de Lugo. Mostraron cartón amarelo a Toñi, polas locais.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.