15/02/2012

Técnica e Táctica para os futuros adestradores, nas mans de Javier Pardeiro

Técnica e Táctica para os futuros adestradores, nas mans de Javier Pardeiro

O estratega do Burela FS Pescados Rubén feminino, Javier Pardeiro, alternará  o seu encomiable labor nas canchas coas aulas do IES Monte Castelo nas vindeiras semanas, como mestre de Técnica e Táctica no curso de Instrutor de Fútbol Sala da Federación Galega de Fútbol.


Na súa primeira toma de contacto, o domingo pasado, o preparador laranxa destacou o alto nivel e a predisposición dos futuros adestradores mariñáns de base. “As clases son moi activas, os alumnos son moi participativos” dixo Javier Pardeiro, que tamén explicou que “teremos a oportunidade de completar os coñecementos da materia con sesións de pista”.


Tras o adoutrinamento do adestrador burelista, o alumnado completará o ciclo con 80 horas de formación práctica en institucións, clubs ou entidades deportivas privadas da zona.


O de Burela é o único curso da especialidade de instrutor de fútbol sala que se imparte en Galicia no presente ano académico. Baixo a coordinación do ex-adestrador do Superti-A Pontenova, José Ramón Rodríguez, Josiño, o ciclo presenta 280 horas de duración e xa contou entre o seu profesorado co director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera; o médico do club laranxa, Javier Couce; e os psicólogos Juana Blanco e Marcelino Luna. No bloque común, que compartiron o curso de fútbol sala e o de fútbol, con sede en Ribadeo, o estudantado aproximouse a conceptos de anatomía, psicopedagoxía, socioloxía, organización e lexislación e mais educación física de base. O programa específico inclúe técnicas individuais e colectivas, táctica e sistema de xogo, regras de xogo, educación física específica, metodoloxía e dirección de equipos.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.