20/02/2012

O Funeraria Apóstol non deu respiro ao Ribadeo FSF (0-6)

O Funeraria Apóstol non deu respiro ao Ribadeo FSF (0-6)

Visitou o municipal de Ribadeo outro dos potentes de Autonómica, o Funeraria Apóstolo de Santiago, o equipo máis goleador e o menos goleado nesta tempada, que levou os tres puntos e endosou ao Panificadora del Eo-Ribadeo FSF 0-6.


As baixas que vén arrastrando o equipo mariñán obrigaron a Martínez a botar man de varias xogadoras do filial, o que debilitou as rotacións e só foron capaces de facer fronte ás santiaguesas na primeira metade, con 0-1 ao descanso; Belén anotou o tanto no minuto 7 na execución dunha falta por man ‘inexistente’ coa que o colexiado sancionou o equipo local. O Panificadora tivo as súas oportunidades; chegou con perigo á portería visitante, pero sen acerto, en accións illadas, principalmente de Nuria, Ana e Elvira.


Na segunda metade, a calidade fixo do Fune o claro dominador do encontro, pondo cerco á portería local, mentres que as ribadenses se repregaron en defensa. O 0-2 chegou no minuto 24, por mediación de Alba. De novo Belén e Alba, nos minutos 28 e 33, conseguiron o 0-3 e 0-4, respectivamente. As ribadenses intentaron reaccionar co apoio do público, achegando as súas liñas á portería rival, pero outra desafortunada xogada, moi protestada, foi sancionada polo colexiado con ‘penalti’, ao golpear o balón nas mans de Elena dentro da área. Encargouse Belén de transformalo pondo así o 0-5. O 0-6 definitivo chegou ao intentar Toñi desviar un centro chute desde a banda e introducir o balón en portería propia.


O Panificadora visitará Pontevedra a próxima xornada para medirse ao Leis, outro dos potentes da categoría, campión de liga da pasada tempada.


 


Provincial feminina. O Xoula Ribadeo venceu na Pastoriza por un avultado 0-4. O equipo local, un dos menos goleados da categoría, encaixa así a maior goleada na casa desta tempada. A pesar da escaseza de xogadoras dispoñibles, debido ás baixas que arrastra o Panificadora, coas que se presentou o filial Xoula en terras pastoricenses, non impediu que as ribadenses callasen un excelente partido. Ao descanso o resultado era de 0-1, obra de Ana Iglesias. Na segunda metade o Xoula selou o partido por mediación de Yoli e Elvira, en dúas ocasións. Polo Xoula, tamén xogaron Sabela, Iria e Antía. Esta vitoria afianza aínda máis o Xoula na segunda posición (36 puntos), a 8 puntos dos seus inmediatos seguidores e á espera de recibir a próxima fin de semana o Viveiro FSF, sexto (19), en derbi comarcal.


 


Provincial masculina. O Ribadeo conseguiu 3 puntos de ouro nas súas aspiracións a alcanzar os primeiros postos da clasificación, ao derrotar a domicilio o potente Amigos de Rábade FS, un dos candidatos ao ascenso. Os mariñáns marcharon ao descanso co marcador ao seu favor e aínda que na continuación o local igualou, foron de novo os da costa os que conseguiron desequilibrar o marcador. Importante é o compromiso do próximo sábado, que recibirá a visita do líder, Hotel Roma de Sarria; unha vitoria local daría opcións aos de Juan Fernández para aspirar aos postos de ascenso.


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana, Toñi, Elena e Nuria, cinco inicial; tamén xogaron Sabela, Elvira, Arancha, Iria e Tania Penabad.


Funeraria Apóstolo FS: Nerea, Ángela Nogueira, Belén (3), Alba (2) e Irene, cinco inicial; tamén xogaron Ángela Otero, Tere e Laura.


Árbitros: Jorge Goyos López e Vanesa Fernández Fernández, da delegación de Lugo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.