19/03/2012

Unha mala primeira parte privou o Panificadora dos tres puntos de Sada (5-4)

Unha mala primeira parte privou o Panificadora dos tres puntos de Sada (5-4)

O Panificadora del Eo Ribadeo FS foi vítima dunha primeira parte irregular en Sada, o que lle impediu facerse cos tres puntos, por un axustado 5-4. As xogadoras ribadenses tardaron en adaptarse ás esixencias da primeira visita a unha cancha moi rápida e dun rival con experiencia; ao descanso, as mariñás perdían por un contundente 5-1.


O primeiro gol local chegou aos 8 minutos por mediación de Susana Insua ante a pasividade da defensa visitante. Aos 10 minutos, Cami, conseguiu o 2-0. Parecía que o Panificadora xa entraba no partido ao acurtar Iria distancias no 15. No entanto, todo foi un espellismo, a falta de intensidade defensiva das xogadoras de Martínez botou por terra o intento de recuperación e permitiulles ás locais conseguir en catro minutos, sen moito esforzo, tres novos tantos por mediación de Laura, Thais e Mónica, respectivamente. Era o 5-1 que reflectía o marcador antes do inicio da segunda metade.


Todo prevía unha goleada de escándalo, pero o descanso foi revulsivo para as xogadoras de Martínez. Na continuación o marcador permaneceu inalterable durante 17 minutos, pero a maior intensidade defensiva e o xogo rápido e vertical que imprimiu o Panificadora na segunda parte impediulle ao Sada desenvolver o seu xogo, que viu como as visitantes unha e outra vez chegaban con perigo á meta local.


Os tres minutos finais foron de claro dominio visitante. A remontada iniciouna Elena no 37 ao materializar a estratexia dun saque de falta realizado por Elvira. Aínda non transcorrera o minuto cando Elvira conseguiu o terceiro mariñán ao aproveitar un pase de Iria. As locais tiñan que frear con faltas o xogo rápido que aplicaban as ribadenses, o que as levou a cometer a sexta. Elvira foi a encargada de transformar o lanzamento no cuarto gol visitante a falta de dous minutos para o final. Anteriormente, Ana, Iria e Elvira tiveran claras ocasións do intento de dar a volta ao marcador ao non aproveitar situacións de dúas contra un na portería local.


No último minuto, as xogadoras ribadenses reclamaron un posible penalti ao deter coa man un lanzamento de Elvira unha local dentro da área.


Provincial feminina. O partido Xoula-Ribadeo FS e Concello de Friol, segundo e primeiro clasificados respectivamente, foi aprazado a petición do equipo visitante. O conxunto mariñán visitará a vindeira fin de semana o Relúa, de Xermade, cuarto.
 
Provincial masculina. O Ribadeo conseguiu unha fácil vitoria (3-0) ante a incomparecencia do Taboada por causas que se descoñecen. Os ribadenses buscarán a próxima fin de semana en Cubelas, partido de rivalidade local, retornar cos tres puntos conseguidos na Mariña polos visitantes na primeira volta.


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Eva, Toñi, Elvira (2) e María, cinco inicial; tamén xogaron Elena (1), Ana e Iria (1).


Sada FSF: Rita, Laura (1), Thais (1), Susana Insua (1) e Marta, cinco inicial; tamén xogaron Cami (1), Mónica (1), Ana, Susana Lama e Adriana.


Árbitros: Eduardo Castro Rodríguez e Ana Macías Guerrero, da delegación da Coruña.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.