2019/20 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
30/03/2012
Os laranxas reciben un Melilla con dúbidas que pelexa pola salvación

Os laranxas recibirán mañá, na 25ª xornada de Segunda, un Melilla FS que saltará á pista de Vista Alegre con dúbidas de efectivos na súa pelexa pola salvación. O asubío inicial oirase ás 18.30 horas.

O Burela FS Pescados Rubén chega concienciado ao encontro para asegurar os tres puntos e seguir loitando por coarse nos postos de play off; para iso, Julio Delgado contará con todo o vestiario, a excepción da consabida ausencia de Bebeto, cun novo chamamento do xuvenil Antón Couto. Os mariñáns deberán espremer a debilidade do rival, que ata o momento tan só conseguiu 1 punto fóra da casa; foi na xornada 15, ante o UMA Antequera (3-3).

Os melillenses, na décimo cuarta praza (25 puntos), intentarán contrarrestar a baixa de Nacho Gil, por lesión, e as dúbidas de Juanillo e Rafita coa inxección de moral que lles outorgou o triunfo da semana pasada ante o Sala 5 Martorell (3-2), unha vitoria coa que romperon o infortunio de 4 derrotas consecutivas.

Esta é unha boa ocasión para os laranxas, cunha cita máis factible, a priori, ca os seus rivais máis directos. Ocupando a décima e undécima praza e empatados cos burelistas (30 puntos), o UMA Antequera recibirá o UA Ceutí, oitavo (35), e o UPV Maristas Valencia acollerá o Manzanares, segundo (44).

Na primeira volta, o Pescados Rubén conseguiu impoñerse por 0-2.

Próxima xornada. Tras a parada da Semana Santa, ao cadro laranxa tocaralle viaxar a Eivissa, o sábado 14 de abril.

Publicidade
X Pechar