31/03/2012

Vista Alegre acariña os postos de play off co 2-1 fronte ao Melilla FS

Vista Alegre acariña os postos de play off co 2-1 fronte ao Melilla FS

O Burela FS Pescados Rubén achégase paseniño ao play off cos tres puntos fronte ao Melilla FS en Vista Alegre. Os laranxas impuxéronse por 2-1, nunha tarde na que non escasearon as ocasións e proliferou a falta de acerto e a potencia repelente dos paus.


Tras o aviso de ambas as dúas escuadras nos momentos iniciais, a  laranxa conseguiu ir facéndose co dominio do encontro ante un conxunto enfundado para a guerra, na busca continua do corpo a corpo. Juanma, Christian e o xuvenil Antón tiveron nas súas zapatillas o primeiro tanto mariñán. A mellor ocasión do Burela FS despregouna Víctor, a punto de cumprirse o minuto 11, cun sombreiro que superou ao gardameta Yiyo e marchou polo fondo lixeiramente desviado. Os melillenses tamén puideron poñerse por diante, no 12,  cun proxectil de Juanillo que bateu no pau. A saída de André como porteiro xogador, a falta de 30 segundos, mantivo o resultado inamovible.


Na continuación, Víctor materializou a posesión laranxa no minuto 23, nun perfecto pase de Ique. A vantaxe no luminoso proporcionoulles un extra de intensidade para pasear o seu xogo sen reacción efectiva dos visitantes. Un minuto despois, unha magnífica parede de Iago Míguez e Purao, que quedou aos pés do porteiro melillense, serviu de antesala para o 2-0, no 25, nunha fuxida de André que finalizou Christian. O 3-0 estivo a punto de subir, no minuto 29, cun mísil de Víctor, no que se interpuxo o pau. No entanto, Juanillo aproveitou un saque de banda para recobrar forzas, co 2-1 (minuto 31). Os mariñáns perseguiron ata a extenuación unha distancia máis folgada, sen fortuna; Juanma, no 32, e Ique, no 33, dispuxeron de excelentes oportunidades fronte á meta rival. No último minuto, os melillenses volveron á carga con xogo de cinco, liderado por Sergio, pero tiveron que conformarse con bater unha e outra vez coa defensa burelista.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.