02/04/2012

FC Meigas de Ames 1-5 Panificadora del Eo-Ribadeo FS

FC Meigas de Ames 1-5 Panificadora del Eo-Ribadeo FS

As ribadenses conseguiron en Bertamiráns (Santiago de Compostela) a súa cuarta vitoria, dos últimos cinco encontros disputados, derrotando por 1-5 o FC Meigas. Ao descanso o resultado xa era de 0-3 a favor do Panificadora.


As de Martínez non fixeron o seu mellor partido pero foron resolutivas para sumar tres novos puntos. As locais só se achegaron á portería de Antía nos primeiros minutos do partido. Eva inaugurou o marcador para as visitantes no minuto 10 e, cinco minutos máis tarde, Arancha subiu o 0-2 a porta baleira cando o equipo local intentaba atacar con porteira xogadora. O marcador non satisfacía as aspiracións das ribadenses que presionaban moi preto da portería local e, así, a falta de 2.40 para o descanso, Elena anotou o 0-3.


Non transcorrera un minuto da segunda metade, cando Ana conseguiu aumentar a vantaxe das visitantes, con 0-4. A partir dese momento as ribadenses baixaron a defensa á media cancha e dedicáronse a conservar o resultado. O 0-5 chegou no minuto 29 nun tiro afastado de Eva que a porteira local non logrou deter. As santiaguesas conseguiron o seu único tanto por mediación de Katia ao transformar un lanzamento libre de 10 metros cando transcorría o minuto 31. O resto do partido foi un claro dominio visitante dedicándose á conservación do balón.


Na próxima xornada, penúltima da liga e despois do descanso de Semana Santa, as mariñás recibirán o pechacancelas, Mesón Río Ulla, cita na que tratarán de quitarse a espiña da primeira volta, cando o Mesón conseguiu o único punto que ten no seu haber, ao igualar o marcador logo dunha clara vantaxe das ribadenses de 0-3.


O Fisober FSF, equipo de Fisterra, Soneira e Bergantinos, xa é matematicamente campión de Autonómica. As da Costa da Morte representarán a Galicia no campionato de España de clubs. Parabéns polo logro conseguido!


Provincial feminina. En partido aprazado disputado o domingo en Ribadeo, o Xoula asegurou matematicamente o segundo posto de Provincial ao derrotar por 2-0 o Quiroga FSF, un dos rivais directos por esta clasificación. Eva e Elena foron as autoras dos goles na primeira metade, resultado que permanecería inamovible na segunda parte, aínda que o equipo local dispuxo de numerosas ocasións de gol durante todo o encontro. Polo Xoula-Ribadeo xogaron Antía, Ana, Eva, Elvira e Sabela, no cinco inicial, Iria, Elena, Yoli e Carla Bolaños.


Provincial masculina. O Ribadeo finalizou a liga quinto con vitoria por 4-3 sobre o Abadín. Os mariñáns conseguiron desequilibrar o marcador ao seu favor nos últimos momentos do partido.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana (1), Toñi, Elvira e Sabela, cinco inicial; tamén xogaron María, Eva (2), Iria, Elena (1) e Arancha (1).


FC Meigas: Laura, Katia (1), María, Andrea e Raquel, cinco inicial; tamén xogaron Clara, Amanda, Melisa e Antía.


Árbitros: Álvaro Otero Otero e Yayo Pájaro Gómez, da delegación de Santiago. Mostraron cartón amarelo ás locais María e Antía e expulsaron a Amanda por dar unha patada por detrás sen balón polo medio. Polo Panificadora amosaron cartón amarelo a Ana.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.