20/04/2012

Sprint final con Vista Alegre como escenario

Sprint final con Vista Alegre como escenario

O Burela Pescados Rubén recibe en Vista Alegre, sábado 21 ás 17.30 horas, o Sala 5 Martorell FS, quinto clasificado da Segunda División. A catro xornadas para a conclusión da liga regular, o conxunto dirixido por Julio Delgado afronta a recta final co firme propósito de clasificarse para o play off de ascenso. Nestas catro xornadas os burelenses disputan tres partidos en Vista Alegre e un como visitante, ante o Maristas Valencia.


O primeiro reto será vencer o conxunto catalán, quinto clasificado, con 39 puntos, cinco máis que os laranxas que cunha vitoria comprimirían aínda máis os postos de acceso ao play off. O Sala 5 caracterízase polo seu potencial ofensivo, sendo o segundo máximo realizador da Liga con 117 goles, unicamente superado polo Oxipharma Granada. O seu maior perigo finalizador protagonízano Diego Blanco, actual pichichi con 31 goles, e Marc Areny, que suma 21 tantos. Na última xornada, lograron a igualada ante o FC Barcelona (5-5) no último minuto tras ir perdendo por 2-5.


Pola súa banda, o Burela chega a este duelo tras empatar, tamén no último minuto con gol de Ique, en Eivissa, onde mereceu mellor fortuna, e con intención de facer valer o factor cancha para conquistar os tres puntos en xogo. Ante o Martorell, o técnico burelense non poderá contar coa participación de Bebeto, que continúa coa súa recuperación, e tampouco con Purao lesionado en terras eivisencas no ligamento lateral interno do seu xeonllo dereito. Para este partido Julio Delgado convocou os xuvenís Antón e Keko.



Burela Pescados Rubén-FC Barcelona. A vixésimo oitava xornada de Liga que enfrontará o cadro burelense co FC Barcelona adiántase ao mércores día 25 de abril. O choque comezará no Vista Alegre ás 21.00 horas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.