03/11/2012

Orgullo galego

Épica vitoria do Burela Pescados Rubén, que defendeu con intelixencia e orgullo a súa escasa renda (1-2) nuns minutos finais que disputou en inferioridade numérica, tras a expulsión de Lucía Nespereira, e co Universidade de Alacante con xog
Orgullo galego

Non mereceu sufrir tanto o equipo dirixido por Javier Pardeiro, que logra tres valiosos puntos nunha cancha complicada e mantén o pulso polo liderado da Primeira División. Tras oito xornadas, un empate e sete vitorias consecutivas iluminan o ronsel laranxa.



O encontro respondeu ás expectativas e ambos os equipos presentaron as súas credenciais desde o asubío inicial. O conxunto alacantino saltou á pista con ambición, presionando en zona alta a un Burela que liquidaba con calidade e bo xogo a proposta local. O control do xogo foise tornando de cor visitante, branco nesta ocasión, aínda que o gol se resistía a pesar das ocasións xeradas. Ata que no ecuador desta primeira singradura, a capitá do barco burelense, Dolo, pescou un rexeite tras disparo de Dany para marcar o rumbo da vitoria.



Co 0-1 acentuouse o dominio mariñán pero a falta de puntería impediu unha maior renda. Ao fío do descanso, Maite impartiu maior xustiza culminando unha xogada de preciosa factura. Taconazo de Dany a Peque que envía o coiro ao segundo pau onde aparece Maite para bater a meta local. Co 0-2 no marcador chegouse ao tempo de tregua.



No segundo envite, a navegación resultou máis turbulenta. Ao minuto de xogo, Txitxo logrou reducir a vantaxe (1-2), nunha acción afortunada, invitando á emoción ao partido. O impulso local aumentaba e a frescura burelense acusaba a intensidade do duelo. Nesta fase de maior equilibrio, as mariñás desaproveitaron unha superioridade numérica, tras a expulsión de Ángela no minuto 26.



As pulsacións aumentaban co paso dos minutos e co porto da vitoria no horizonte chegou a expulsión de Lucía Nespereira, minuto 37. Coas forzas baixo mínimos, superioridade numérica alacantina durante dous minutos e a aposta local de cinco no último, emerxeu o orgullo e a intelixencia táctica do Burela Pescados Rubén para conquistar un novo porto e regresar á casa cun botín de tres puntos.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.