21/12/2012

O Burela FS quere despedir o ano coa primeira vitoria (sábado 22, 18.30)

O Burela FS quere despedir o ano coa primeira vitoria (sábado 22, 18.30)

O Burela FS Pescados Rubén chega ao último compromiso de 2012, na primeira incursión na elite, con ganas de vitoria ante un rival moi especial, o Santiago Futsal (18.30). O derbi galego arrincará mañá, ás 18.30 horas en Vista Alegre. Os socios/as laranxas terán acceso gratuíto; para non socios/as a venda abrirase ás 17.30 horas (10 euros/adultos e 5 euros/14-18 anos).


Os pupilos de Julio Delgado, coa axuda da incondicional Marea Laranxa, intentará frear o excelente percorrido dos de Santi Valladares, que saltarán á bomboneira defendendo a terceira praza (20 puntos) e batidos tan só polo Triman Navarra (5-3) hai dúas xornadas.


Santiagueses e burelaos xa se viron as caras noutras tres ocasións recentemente: en pretempada houbo repartición de triunfos, no Memorial Celso Currás de Trabada para os da Mariña (3-1) e no Trofeo de Tui para os de Compostela (2-0); na Copa do Rei os penaltis outorgáronlle a supervivencia aos de Valladares, tras un emocionante partido (5-5). “Esta será a primeira vez que teñamos puntos en xogo” puntualizou o capitán, Juanma, recoñecendo “a alegría de volver á competición e atoparse cómodo na pista” tras dous meses. O pivote espera que o derbi “volva ser un espectáculo dentro e fóra da pista”. “Os dous nos coñecemos moi ben, sabemos cales son as armas do outro” explicou o alfocego, dándolle especial importancia a “non cometer erros e pelexar por que non se rompa o partido para manter as opcións do Burela FS ata o último segundo”.


O Mariskal loou a traxectoria e a filosofía de traballo do rival, calidades que, ao seu parecer, non poden frear as posibilidades laranxas: “O Santiago impón moita intensidade ao xogo, cunha forte presión arriba, buscando os erros do rival en primeira liña. É un grupo compacto que predica unha filosofía de xogo moi clara dende hai anos, pero nós xa demostramos que sabemos enfrontarnos a eles; sempre estivemos dando a cara e nesta ocasión Vista Alegre ofreceranos un apoio vital” sentenciou o capitán mariñán.


Julio Delgado disporá de todos os seus efectivos para a última cita do ano, despois da reincorporación aos adestramentos de Nacho Pedraza, que arrastraba unha leve lesión de abdutor. Nas filas compostelás, non estará Hugo, intervido o luns dunha fractura no pé dereito, e Barroso chega entre algodóns por un edema no pé esquerdo. Tampouco estará Mario Costa.


 


Fila 0 por Olaya. Na despedida de 2012, o club laranxa habilitará en Vista Alegre unha Fila 0, cuxa recadación irá destinada a axudar a Olaya Pardo Pérez, unha meniña de tres meses da parroquia veciña de Fazouro que precisa unha prótese de man.


 


Un xoguete, unha ilusión. Ata mañá a peña burelista A Pataca Naranxa tamén recollerá no pavillón os xoguetes doados para a campaña da Cruz Vermella ‘Un xoguete, unha ilusión’.


 


Calendario Laranxa 2013. A gran familia burelista volverá entrar nos fogares mariñáns en 2013. A nova edición do divertido Calendario Laranxa poderá adquirirse xa esta fin de semana, en Vista Alegre, coincidindo cos partidos de Primeira División LNFS e RFEF, sábado e domingo, ao prezo simbólico de 2 euros. 


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.