12/01/2013

Burela FS Pescados Rubén 1-2 CD Caja Segovia

Burela FS Pescados Rubén 1-2 CD Caja Segovia

O Burela FS Pescados quedou ás portas da súa primeira vitoria, esta tarde en Vista Alegre, fronte ao eficaz CD Caja Segovia (1-2), nun encontro repleto de ocasións para as dúas partes e no que os laranxas foron de menos a máis co paso dos minutos.



Cun inicio un tanto errático nos dous campos, o Burela FS tivo que aplicarse en defensa nos primeiros minutos debido a certas dúbidas na condución do esférico, con excelente resposta de Edu. Fabián, roldando o ecuador da primeira parte, adiantou os segovianos (minuto 10), nun rexeitamento de Edu. Tres minutos máis tarde, Antonio materializou o 0-2, tras escapada pola banda deixando atrás a defensa laranxa. As mellores ocasións burelistas chegaron tras o tempo pedido por Julio Delgado, nas zapatillas de Iago Míguez e Mimi, e máis tarde, con Enrique, que case conseguiu sorprender a J. Herrero nun lanzamento afastado. Con cinco faltas na cuadrícula local, os da Mariña probaron con xogo de cinco capitaneado por André, sen chegar a definir. Rozando o descanso volveron as ocasións para os laranxas. A punto estivo Enrique de abrir o marcador burelista tras un erro do meta rival aproveitado por André na área visitante. A falta de 9 segundos, con Hugo, partícipe xa na tentativa anterior, volveu o nerviosismo aos paus segovianos, aínda que que sen recompensa.



Máis presión buscou imprimir o cadro laranxa á volta, incidendo na rapidez do balón e cunha repartición máis equilibrada na perigosidade sobre a meta contraria. As magníficas oportunidades de Dani Martín (minuto 25), só ante o porteiro do Caja, e Iago Míguez (26), nun pase longo, abriron o pano para a eficaz finalización de Christian tras saque de esquina, no 28. Os de Vista Alegre non cesaron na procura da remontada, aínda que o empeño dos segovianos por ampliar distancias tampouco se desinflou e puideron darlle algún que outro susto a Edu. En torno ao 30 Mimi acariñou o esférico nun par de ocasións paseándose pola liña de gol. A falta de 6.40 puido estar o empate nunha nova iniciativa de Christian freado por unha decisión arbitral asediando a área rival. Nos dous últimos minutos de xogo, intentouno o Burela con Mimi como porteiro-xogador, sen éxito.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.