31/01/2013

O Burela FS pecha a incorporación do ala Isi

O Burela FS pecha a incorporación do ala Isi

O Burela FS Pescados Rubén formalizou esta mañá a última incorporación do mercado de inverno, o ala Isidoro Garrido Luque, máis coñecido como Isi, procedente das filas do actual campión húngaro, Raba Eto Gyor. As instalacións de Pinturas Xurxo, en Foz, acolleron a presentación do andaluz, que estivo arroupado polo presidente burelista, José Ramón González Casas, e o xerente da empresa patrocinadora, Jorge Rodríguez.


No punto de mira do novo ala laranxa, “feliz co regreso ao fútbol sala español”,  xa se atopa o Marfil Santa Coloma, con todos os sentidos postos en conseguir os tres primeiros puntos esta semana. “Xa tiña ganas de volver a España; estou máis cómodo aquí. A experiencia en Hungría foi moi satisfactoria; o mercado en España non atravesaba un bo momento no verán e o técnico Marcos Angulo depositou en min a súa confianza. Non obstante, cando recibín a oferta do Burela FS, cun proxecto serio e ilusionante, non dubidei” argumentaba deste xeito Isi os motivos que o levaron a decidirse pola entidade burelista.


O novo laranxa, co 7 ás costas, confía en contribuír ao bloque “sobre todo, con competitividade defensiva, pero tamén sumando na faceta ofensiva“. “Polo que puiden observar no meu primeiro contacto co equipo resulta soprendente a posición na táboa; realízanse adestramentos moi ben traballados e hai bo ambiente no grupo; os reforzos de inverno axudarán a reactivar o equipo en ilusión, motivación e metas”. “Entre todos podemos cambiar a dinámica” asegurou Isi. 


Dende o club, o presidente deulle a benvida ao xogador, que pon o punto e final aos movementos burelistas, destacando “a súa dilatada experiencia na máxima categoría e seu carácter polifacético sobre a pista”.


Isi (Córdoba, 1983), ex do MRA Navarra (2010-12), recala na Mariña dende o Raba Eto Gyor, campión de liga e supercopa en Hungría, co que disputou a UEFA Futsal Cup. Dende os inicios en Verín (2002-03) e RAM León (2003-04), pasou polo MM Pérez Bujalance (2004-08) para dar o salto ao honorable Gestesa Guadalaja (2008-10).


Co ala cordobés son catro os protagonistas da reestruturación invernal do Pescados Rubén para cumprir co soño de asentarse na máxima categoría. O pivote brasileiro Cesinha xa gozou de minutos nas dúas últimas xornadas, lonxe de Vista Alegre; o seu compatriota, o ala zurdo Silva, aínda sen debutar, volve hoxe aos adestramentos tras unha lumbalxia. Con disposición inmediata para estrearse de laranxa está o revolucionario pivote Matamoros, que acaba de aterrar na disciplina mariñá desde o Inter Movistar.


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.