02/03/2013

Meritoria segunda parte dos laranxas ante o campión de España (2--7)

Meritoria segunda parte dos laranxas ante o campión de España (2--7)

Vista Alegre viviu esta tarde un espectáculo dentro e fóra da pista. Con cheo histórico nas bancadas, o Burela FS Pescados Rubén de Juanlu apuntou maneiras ante o intratable FC Barcelona FS Alusport (2-7), nunha cita na que os locais foron de menos a máis, cunha meritoria segunda parte na que puideron xerar perigo e mitigar o tsunami do líder.



O tres veces campión da Copa de España chegou a Burela para non especular. Coa serenidade dos grandes conseguiu colocarse 0-2 xa antes de cumprirse o minuto 3 de xogo, con dobrete de Wilde, nun rexeitamento (minuto 1) e ao revolverse dentro da área laranxa (minuto 2). Esta desvantaxe pesoulles en exceso aos burelistas, moi cautos en ataque e con certos desaxustes comunicativos. Edu tivo a portería moi activa; no 13, puido desbaratar unha grande ocasión dos blaugranas, pero poucos segundos despois Fernandao anotou o 0-3, aproveitando un saque de esquina na área laranxa, si entendemento entre os burelistas; o 0-4, un minuto máis tardes, chegou tamén desde a esquina, empuxando Eric Martel ao segundo pau. Co paso dos minutos os mariñáns puideron achegarse á meta de Cristian, aínda que con imprecisións. As ocasións máis claras para os burelistas protagonizounas o viveirense Christian, pola banda, nos minutos 10 e 17. No 18, os cataláns subiron o 0-5 cun un dobre penalti de Sergio Lozano, ante o que Edu non puido facer nada.



O descanso proporcionoulle ao Burela FS Pescados Rubén aire fresco, ideas, garra e intensidade. Con máis perigo, avisou Iago Míguez no 22, cun mísil que superou a Cristian pero interpúxose o pau, e despois Cesinha. Foi precisamente o brasileiro o que asistiu ao burelés un minuto máis tarde para subir o 1-5 ao electrónico. Máis acertados en ataque, os mariñáns adiantaron as súas filas, incluso provocando certos erros dos barceloneses. Non obstante, a perfección visitante volveu deixar pegada, tras un saque de esquina no que Wilde cedeu o balón a Torras para marcar o 1-6 por encima de Edu (minuto 26). Os burelistas lanzáronse a por un novo gol; as tentativas de Hugo e Iago Míguez, roldando o ecuador, desencadearon na pegada de Matamoros, cunha belísima volea tras saque de esquina. Era o 2-6 e os galegos estaban máis enchufados que ca; puideron reducir distancias no 30, nunha serie de rexeitamentos nos que o esférico se desesperou contra os paus e entón chegou de novo o toque goleador do Barcelona, con 2-7 (minuto 33) de Gabriel nunha xogada de estratexia, tras falta ao bordo da área local. Na recta final a defensa laranxa e Edu conseguiron frear a avalancha blaugrana con Fernandao como artillería en primeira liña.
Homenaxe ao deportivista Fran. A cita de Vista Alegre contou cun invitado de luxo nas gradas, o exdeportivista internacional Fran González, que foi nomeado socio de honor do club laranxa e realizou o saque de honor do encontro.



 



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Iago Míguez, Juanma e Matamoros, cinco inicial; tamén xogaron Hugo, Cesinha, Isi, Christian



FC Barcelona Alusport: Cristian, Wilde, Aicardo, Torras e Lin, cinco inicial; tamén xogaron Fernandao, Gabriel, Sergio Lozano, Saad, Eric Martel, Tolrá



Goles: 0-1, minuto 1, Wilde; 0-2, minuto 2, Wilde; 0-3, minuto 13, Fernandao; 0-4, minuto 14, Eric Martel; 0-5, minuto 18, Sergio Lozano (d.p.), 1-5, minuto 23, Iago Míguez; 1-6, minuto 26, Torras; 2-6, minuto 29, Matamoros; 2-7, minuto 33, Gabriel



Árbitros: Carlos del Pozo e Abel López (Madrid)



Tarjetas: Por Burela FS  a Cesinha (minuto 8), Mimi (minuto 13), Iago Míguez (36)



Incidencias: Partido correspondente á 18ª xornada de Primeira División, en Vista Alegre; realizou o saque de honra o ex-futbolista internacional do RC Deportivo de La Coruña, Fran González. Máis de 1400 espectadores, venda de entradas esgotada.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.