26/04/2013

Lidia e Jozi, nas xornadas de Igualdade e Muller do CEIP Sagrado Corazón de Ribadeo

Lidia e Jozi, nas xornadas de Igualdade e Muller do CEIP Sagrado Corazón de Ribadeo



A xogadora do Burela FS Pescados Rubén Lidia Mesías e a gardameta Joziane de Oliveira  compartiron esta mañá unha entretida visita co alumnado do CEIP Sagrado Corazón de Ribadeo. A igualdade e a presenza da muller no deporte, na política e no ensino centrou o concurso de guións radiofónicos Radiando Igualdade nos que as deportistas foron entrevistadas polos estudantes de 1º da ESO do centro.

As representantes laranxas contáronlles aos rapaces e rapazas o camiño percorrido para chegar á elite mundial do fútbol sala feminino, co privilexio de ser internacionais, de defender a selección española para Lidia e brasileira para Jozi. Tamén falaron do inmellorable momento deportivo que están a vivir e amosáronse moi optimistas para proclamarse campioas da Primeira División esta tempada.

Acudiron a esta cita no colexio Sagrado Corazón a alcaldesa de San Tirso de Abres, María Goretti Quintana; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez; e a responsable do Centro de Información á Muller, Luisa González, que analizaron a presenza da muller na política, que foi cambiando moito ao longo dos anos, aínda que todos coincidiron en sinalar que quedan cousas por facer para lograr a igualdade entre mulleres e homes a todos os efectos.

Nas entrevistas do concurso, tamén participaron profesores do colexio Sagrado Corazón como Mª Carmen Rodríguez Cancelo ou Francisco Javier Rodríguez Veiga, o director da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Hugo García, e a porteira do centro, Esther Paz, que se centraron na presenza da muller no mundo do ensino, da música ou nas rúas de Ribadeo.


Os rapaces e rapazas que participaron nesta intensa mañá de análise posaron cos seus convidados e deleitáronse cos autógrafos e coas fotos que se fixeron coas xogadoras do Burela FS, ás que lles desexan moita sorte no tramo final e decisivo da competición da máxima categoría do fútbol sala español.


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.