10/07/2013

Antoñito, terceiro reforzo do equipo de Juanlu

Antoñito, terceiro reforzo do equipo de Juanlu

O presidente e o vicepresidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco e José Luis Sáez, acompañaron o ala capitalino Antoñito na súa presentación como terceiro reforzo do equipo de Juanlu en Primeira LNFS para 2013-14. Antonio Sierra García (Madrid, 1990) recala no club laranxa despois de pertencer nas últimas tres tempadas ao Caja Segovia; en 2012-13 disputou 29 encontros con autoría de 10 tantos.



“Este club demostrou o seu interese dende hai tempo e apostou forte por min” aseguraba Antoñito, que confesou a súa atracción por Burela como “un proxecto sólido, dun club serio que sempre me chamou a atención. A figura do adestrador, de Juanlu, tamén me tirou moito para decidirme por este equipo, ademais dos bos reforzos, cos que xa coincidín nas pistas” dixo o ala, facendo referencia aos tamén madrileños Hugo e Álex.



“Despois de tres anos moi bos en Segovia, cunha final de liga e dúas semifinais, clasificándonos para play off, Burela é un paso adiante na miña carreira; espero dalo todo aquí”, puntualizaba Antoñito sobre o seu ex-equipo, que sairá en 2013-14 en Segunda División por circunstancias económicas, e sobre o seu futuro prometedor na Mariña. “Este ano contribuirei ao equipo co que mellor sei facer, o un para un, desequilibrando en banda e unha forte presión en defensa” así se definía a nova incorporación laranxa, que tamén conta co Móstoles (2007-08), Puertollano (2008-09) e Punctum Millenium Pinto (2009-10) na súa intensa traxectoria futbolística.



“A xuventude e o talento serán o eixe dun proxecto que perseguirá o asentamento na categoría cuns cimentos firmes” aseguraban Manuel Blanco e José Luis Sáez, destacando a especial aposta da entidade burelista pola estrutura de base: “Os reforzos de Hugo, Álex e agora Antoñito súmanse á filosofía dun bloque que na vindeira tempada disporá de 11 fichas profesionais e dará cabida no equipo sénior á canteira do club, coa vacante da duodécima praza da convocatoria” explicaron os dirixentes.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.