31/07/2013

O Burela FS ficha a David Ruiz 'Burrito' para as tres próximas tempadas

O Burela FS ficha a David Ruiz 'Burrito' para as tres próximas tempadas

Despois de arduas negociacións, o Burela FS Pescados Rubén conseguiu facerse cos servizos do novísimo internacional Francisco David Ruiz Serrato, ‘Burrito’ (Málaga, 1990) para as tres próximas tempadas. A sede de Pescados Rubén SL acolleu esta tarde a presentación do pivote, procedente do Caja Segovia, coa custodia do presidente, Manuel Blanco, e o fundador da empresa patrocinadora, Rubén Blanco.  



O andaluz, que recalou onte á noite na Mariña, amosouse feliz con esta nova etapa en Burela, despois de sete anos na familia segoviana: “Chego con moita ilusión a un club serio; o seu proxecto, competitivo e elaborado para facerlle gozar ao público, fíxome desbotar ofertas moi apetecibles, entre elas Benfica e o italiano Marca Futsal” explicaba David, entusiasmado coa escuadra laranxa: “Chego para seguir demostrando a miña valía nas pistas e dar continuidade ao que en anos anteriores me saíu tan ben. Para iso terei a vantaxe de ter un gran adestrador, Juanlu, e grandes xogadores e compañeiros como Matamoros, Hugo, Antoñito ou Mimi”.



O recoñecido como Mellor Xogador da Tempada pola ANEFS e nominado entre os Mellores Pivotes da LNFS 2012-13 promete “descaro na pista, aínda que sei que ás veces asusto á bancada arriscando balóns complicados” puntualizando con humildade, “non son goleador, aínda que tamén pode sorprender porque nos dous últimos anos déuseme moi ben esa faceta” confesaba o novo 3 laranxa.



Dende o club mariñán, os dirixentes agradeceron a aposta de David polo Burela FS e aplaudiron a incorporación do resolutivo internacional como “unha fichaxe determinante coa que o equipo gañará en solvencia, desenvoltura, verticalidade e finalización para conseguir ese salto de calidade que o proxecto persegue na súa segunda tempada na máxima categoría”.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.