09/09/2013

Co apoio de Vista Alegre pode facerse realidade

Co apoio de Vista Alegre pode facerse realidade

A maxia de Vista Alegre pode convertelo en realidade! A incondional afección da bomboneira, o seu apoio sen límites, será máis ca nunca o principal alento do Burela FS Pescados Rubén no partido de volta da Supercopa de España 2013. O sábado, ás 20.30 horas, o cadro que abandeira Quico Otero volverá verse as caras co Atlético de Madrid Navalcarnero, despois de caer onte en La Estación por un inxusto 5-1. “Se somos capaces de seguir xerando ocasións, perfeccionando a definición, e mitigamos o seu ataque podemos conseguilo” adiantaba o técnico laranxa, facendo un chamamento á bancada: “Sabemos que é un partido heroico, un partido difícil ante un rival de entidade, pero Vista Alegre xa viviu este resultado a favor ante o Navalcarnero e confiamos en que coa axuda da afección pode volver facerse realidade”.




A escuadra mariñá sufriu un excesivo castigo nun encontro moi intenso no que reinou o equilibrio na pista e no luminoso, cos dous últimos minutos fatídicos para os intereses burelistas. “O noso esgotamento e o seu acerto marcaron o desenlace” asegurou o viveirense. “O partido rompeuse no minuto 38. Ata ese momento tivémolo controlado; quen dispuxo de máis ocasións e máis claras fomos nós; sobraban eses dous minutos nos que non soubemos xogar con cabeza e entregamos o encontro” reflexionaba o adestrador, que incidiu na falta de definición coma o “lastre” do Burela FS.



En Madrid, o tempo do descanso chegou co electrónico inalterable, con excelentes ocasións para as laranxas; Maite soa ante Belén e máis tarde Claudia e Lidia con lanzamentos cruzados. No regreso foi o Atlético, nun potente disparo de media distancia de Ju Delgado, o que puxo distancias, no minuto 22. O Burela FS soubo reaccionar e anotar a igualada, no 27, á saída dun saque de esquina, cun balón raso. No entanto pouco lles durou a alegría ás mariñás, que viron como o Navalcarnero volvía tomar vantaxe aos poucos segundos, transformando Fabi un penalti. Cando máis apostaban as burelás por reequilibrar a contenda, subindo a liña de presión, Natalia poñía o 3-1 (minuto 38). Na recta final, Ju Delgado anotou outros dous tantos, nunha contra e outro en superioridade numérica pola expulsión de Maite.




Venda anticipada



Dende mañá estarán á venda as entradas para o gran duelo do sábado na Tenda Laranxa (De luns a venres: 10.00-14.00//16.00-19.00). Os socios/as laranxas poderán presenciar o gran espectáculo de forma gratuíta. A entrada para NON SOCIOS ADULT@S será de 5 euros. Os menores de idade terán acceso libre.




Ficha técnica



Atlético de Madrid: Belén,Natalia, Anita Luján, Ro e Cris, cinco inicial; tamén xogaron Leti, Fabi, Rocío e Ju Delgado.



Burela FS Pescados Rubén: Patri, Lidia, Peque, Bea e Maite, cinco inicial; tamén xogaron Claudia e Lara



Goles: 1-0, minuto 22, Ju Delgado; 1-1, minuto 27, Peque; 2-1, minuto 27, Fabi; 3-1, minuto 38, Natalia; 4-1, minuto 39, Ju Delgado; 5-1, minuto 40, Ju Delgado



Árbitros: Del Olmo Martínez e Rubio González. Amarillas a Leti e Ju Delgado, por Navalcarnero, e a Lara, Bea e Maite (dobre amarela), por Burela FS

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.