21/09/2013

Burela FS Pescados Rubén 1-2 CD Xota Navarra

Burela FS Pescados Rubén 1-2 CD Xota Navarra

O ilusionante Burela FS Pescados Rubén non puido brindarlle a vitoria ao público laranxa no seu estreo da liga 2013-14 en Vista Alegre. Os mariñáns bateron contra o muro do xogo agresivo e contundente dun CD Xota Navarra, ao que o acerto na finalización lle outorgou os tres puntos da segunda xornada de Primeira División tras o axustado pero decisivo 1-2 final.



 



Os pupilos de Juanlu tiveron que afanarse en bloquear os ataques do Xota nos minutos iniciais, debido a certas imprecisións lóxicas do comezo de competición. Nos dous primeiros minutos de xogo, os navarros xa intentaron sorprender por partida tripla a Edu; a máis clara foi de Eseverri nun control só ante o naronés que saíu moi desviado. Con todo, as filas mariñás non tardaron en atopar temperanza. A primeira ocasión laranxa estivo nas zapatillas de Matamoros ao pau, a piques de cumprirse o minuto 3. Coa entrada das rotacións, o conxunto visitante intentou desequilibrar a defensa do Burela FS, pero aí estaba Edu, sempre oportuno, para desbaratar calquera tentativa. Chegando ao minuto 12, Vista Alegre aplaudiu un disparo de Antoñito, que interceptou Rafa Usín co corpo na liña de meta, con gran polémica desde a bancada; tamén o intentou Juanma de lonxe antes de que o propio Usín puxese en perigo a meta galega cun balón envelenadísimo que conseguiu sacar finalmente Antoñito.



 



Neste duelo de forzas nas acometidas laranxas e navarras, saíu victorioso o Xota, cun canonazo de novo de Rafa Usín, aproveitando un saque de esquina para subir o 0-1 ao electrónico no minuto 15. Non se amilanaron os burelistas, que pelexaron con uñas e dentes polo empate. A tentantiva entre Mimi e David, que se quedou un pouco atrás, e de Mata de lonxe eran o aviso do que Isi materializou no 1-1 desde saque de esquina de David, a pouco máis de dous minutos para finalizar a primeira parte. Nos últimos segundos antes do descanso ambas as escuadras puideron tomar a iniciativa no resultado provisional. Primeiro os mariñáns, coa bandeira de Matamaros a 26 segundos, que superou a Asier nun control que se lle escapou; a tan só cinco segundos para marcharse ao vestuario o asedio navarro desinflouse ante Edu, que volveu estar sublime.



 



Os compases iniciais do segundo período mantiveron a tónica reinante ata o momento con tentativa primeiro laranxa e despois navarra aínda que con desenlaces ben distintos. Burrito tenteou a meta de Asier nun lanzamento que se topou co pau. Quen si conseguiu superar a liña de meta foi Jesulito, que adiantou os visitantes no minuto 22 aproveitando o rexeitamento do disparo de Roberto Martil. A partir de aí o encontro adquiriu tintes de guerra, cun Xota moi agresivo, que intentou beneficiarse en galopada á contra. As ocasións máis claras para os burelistas protagonizáronas Hugo, rozando o ecuador, de lonxe, e David, en colaboración con Mata, pouco despois obstaculizado por Asier. Tras a potente embestida de Martil (minuto 33), que conseguiu frear Edu, moi acertado durante todo o encontro, Matamoros tivo o empate no 35, nun mísil escorado que chocou na escuadra. Os de Juanlu optaron polo xogo de cinco, con Christian, faltando case catro minutos para o final sen fortuna cara ao gol.



 



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, David, Hugo e Matamoros, no cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Juanma, Mimi, Iago Míguez, Christian



CD Xota Navarra: Asier, Eseverri, Jesulito, Roberto Martil y Carlitos, no  cinco inicial; tamén xogaron Tolrá, Rafa Usín, Íñigo, Dani Saldise, Joni, Víctor Arévalo



Goles: 0-1, minuto 15, Rafa Usín; 1-1, minuto 17, Isi; 1-2, minuto 22, Jesulito



Árbitros: Del Pozo García e López Jiménez, do colegio madrileño



Tarjetas: Do Xota amarelas para Jesulito (minuto 24), Íñigo (minuto 28)



Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada de Primeira División LNFS, emitido por Energy TV. Arredor de 1000 espectadores.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.